O Concello abre a convocatoria do programa específico de axudas para o comercio ao que destina 54 000 euros

452

O Concello destina outros 54.000 euros a axudas, neste caso específicas para o comercio para a que xa abriu a convocatoria.

Trátase dunha nova acción de apoio a sectores afectados pola crise económica xerada pola pandemia dentro do plan Reactiva Betanzos. A alcaldesa, María Barral, explicou que se trata dun “programa específico de apoio ao comercio para a anualidade 2021 e o seu  obxectivo principal é a reactivación e o mantemento da actividade económica e do emprego nestes sectores estratéxicos de desenvolvemento socioeconómico no Concello, como é o sector do pequeno comercio, que están a verse gravemente afectados pola crise derivada da pandemia”.

Estas axudas únense as do anterior programa  que o Concello xa concedeu á hostalaría e comercio cuns 400 000 euros entre Deputación e Concello en 2020; e outros 96.000 euros deste ano que o Concello sumou á axuda da Xunta para hostalería.

O programa terá unha cantidade de 54.000 euros, e financiarase con fondos propios do Concello. A xestión destas axudas suxeitarase aos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. O obxecto  é o mantemento da actividade económica nos sectores do comercio polo miúdo de produtos alimenticios, bebidas e tabaco realizado en establecementos permanentes; produtos industriais non alimenticios realizado en establecementos permanentes e comercio mixto ou integrado; comercio polo miúdo fora dun establecemento comercial permanente (ambulancia, mercados e mercados ocasionais ou periódicos); comercio en réxime de expositores en depósito e mediante aparellos automáticos; comercio retallista por correo e catálogo de produtos diversos e servizos persoais; todos eles gravemente afectados pola crise socioeconómica derivada da pandemia orixinada pola crise da Covid-19.

Este programa vai dirixido ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e as microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que figuren dadas de alta no IAE, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 e ter o seu domicilio fiscal no Concello de Betanzos; estar dadas de alta nalgún(s) dos epígrafes do IAE indicados nas bases; estar dado de alta no Réxime Especial de Traballadores  Autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, no caso de persoas físicas; non estar incursas en ningunha das circunstancias recollidas na Lei xeral de subvencións.

O importe a recibir terá unha contía fixa de 500 euros por persoa beneficiaria que cumpra os requisitos, ata esgotar o crédito dispoñible. Este programa é compatible con calquera outro programa ou axuda concedida por entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.