Betanzos aprobou en pleno actuacións en infraestruturas e equipamentos que superan os 2,3 millóns de euros e diversos programas de ámbito social pola Covid

315
No POS prevese a renovación da pavimentación da avenida García Navera con máis de 65.000 euros.

O goberno local aprobou no Pleno extraordinario celebrado o pasado 4 de febreiro o Plan Único da Deputación que contará cun investimento próximo aos 600.000 euros aos que haberá que engadir o plan complementario deste ano que alcanza os 1,7 millóns de euros e que contará cun préstamo provincial do 50%.

Na mesma sesión aprobouse tamén un programa para  acciones de ámbito social vinculadas á  Covid a través do  POS adicional da Deputación que se completará tamén con máis achega municipal co fin de cubrir posibles necesidades que xurdir ao longo dos próximos meses xerados pola pandemia. En total, o Concello dispoñerá dunha partida de case 151.000 euros, dos que 136.000 serán achegados pola Deputación.

En canto a proxectos de obras, atópase a mellora da urbanización e servizos da  rúa de As  Cascas, urbanización Río Sol para a que se destinará 104.129 euros, ademais da mellora e urbanización da rúa Santa María, cun investimento superior aos 150.000 euros.

A alcaldesa, María Barral, explicou que se trata de seguir facendo unha esforzo investidor na renovación de rúas que necesitan “despois de moitos anos unha mellora integral dos servizos” tal e como se está facendo nos últimos anos tanto no centro histórico como no resto da cidade. Pero que, ademais, a través deste plan provincial o  Concello pretende seguir mellorando as vías municipais situadas na zona rural e neste caso reservaranse máis de 185.000 euros para asfaltados en  Tiobre, Pontellas,  Piadela e  Requián, e outros 111.000 euros para a pavimentación e mellora da seguridade en Castro, Montellos, O Farragoto e A Graña.  Tamén prevese a renovación da pavimentación da avenida García  Navera con máis de 65.000 euros.

En canto ao plan complementario do ano 2021 inclúense investimentos financiaramente sostibles  e que no seu conxunto alcanzan os 1,7 millóns de euros e que contarán cun préstamo provincial do 50%. Entre elas prevese a mellora da urbanización e dos servizos no grupo Brigantium e Manuel Naveira, cun investimento de 270.000 euros; a mellora e urbanización da rúa alcalde López  Datorre, con máis de 130.000 euros; calexas Cruz Verde e  Xudeos, con 271.500 euros; a reurbanización e cambio de redes na avenida do Carregal, con 553.439 euros e a renovación do parque Pablo Iglesias con 99.485 euros.

Tamén se prevé a mellora da pavimentación de vías en Viladesudo, Guiliade,  Viraventos,  Talay e Gas por uns 155.000 euros; de  Sanxiaio, Tabaques e Illobre, con 105.199 e de Piadela, Guiliade, Abelares, Infesta e O Coto con 134.232 euros.

A corporación municipal tamén se aprobará partidas de ámbito social vinculadas á Covid a través do  POS adicional da Deputación para financiar gastos sociais extraordinarios xerados como consecuencia da  Covid.  Deles, a partida máis elevada irá para cubrir axudas económicas que aseguren a cobertura de necesidades básicas como vivenda, alimentación, electricidade, gastos médicos ou farmacéuticos de persoas  que residan soas, familias, maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social, con baixos ou nulos ingresos económicos que viron a súa situación agravada pola Covid. Para estas axudas destinaranse máis de 82.000 euros.

Outro dos aspectos que reforzará a dotación económica o Concello, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, é para gastos que faciliten a escolarización, material informático ou acceso a medios dixitais, seguindo a liña iniciada o pasado ano na que o Concello adquiriu equipos e  router para que os alumnos que carecían de medios técnicos puidesen seguir as clases  nos seus domicilios. Para este ano a previsión económica é de case 50.000 euros.

Tamén se reforzará o servizo básico de axuda a domicilio, é dicir, o que leva a cabo directamente o  Concello a través dos Servizos Sociais e que non inclúe a persoas dependentes. A idea é reforzar o servizo con máis persoal para o que se destinan case 15.000 euros.

Por último, reservarase unha partida para a adquisición de material de prevención destinada a profesionais de Servizos Sociais e persoas usuarias dos distintos programas. O  Concello reserva para a compra de material uns 5.000 euros.

Este plan adicional e a achega municipal para reforzalo complétase con outra serie de actuacións que o  Concello está a levar a cabo relacionadas coa pandemia como as desinfeccións de zonas públicas ou os servizos de atención a persoas que nalgún momento pola  Covid poidan precisar axuda, especialmente, maiores que viven sós. Habilitouse o teléfono 981774742.