Betanzos asina un convenio co IGVS para finalizar a rehabilitación do convento das Donas cun investimento de máis de medio millón de euros

242

O Concello asinou co Instituto Galego da Vivenda e Solo un convenio de colaboración para acollerse ao programa do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50 000 habitantes, habilitado polo IGVS,  a través do cal Betanzos percibirá un adianto de algo máis de 500 000 euros para poder concluír a rehabilitación do convento das Donas. Os traballos desta segunda fase recollen fundamentalmente o acondicionamento interior e as obras de urbanización.

A primeira fase de recuperación do convento centrouse na limpeza e a eliminación de aditamentos superfluos e invasores para a construción orixinal, así como os primeiros movementos de terra, que permitiron e propiciaron a descuberta de restos e achados que manifestaban a realidade das cotas de acceso e asento orixinal da edificación, así como a aparición de diversos elementos destacados ocultos pola maleza, o abandono e as construcións engadidas nas derradeiras épocas.

Os achados implicaron trocos e matices no proxecto previsto. O volume da á oeste recuperouse, unha vez limpo de aditamentos, vexetación e restos de estruturas deterioradas (carpintarías, pedra, etc), co tratamento dos muros e ocos, e a reconstrución da cuberta perdida, mantendo a súa imaxe exterior recoñecible e deixando o interior como un espazo único capaz de albergar unha sala de exposicións ou multiusos.

No resto de muros recuperouse así mesmo a súa tectónica: gran parte do propio muro leste e o seu arco de acceso, foron desmontados e montados de novo, seguindo o proceso indicado polo arqueólogo encargado da supervisión da obra.

Nesa zona achouse o enlousado do acceso do muro norte, probablemente o principal, que tivo que ser protexido, para deixalo para unha segunda fase e confeccionar a entrada de modo que se recoñeza e realidade descuberta.

Durante as obras desta primeira fase, as cotas do espazo orixinal manifestaron a contradición entre esta e o contorno froito das vías de tráfico. Os arcos, unha vez recuperada a cota das construcións apareceron na súa verdadeira dimensión e obrigaron a escavar o contorno exterior dos muros.

Todos estes achados e traballos non recollidos na primeira fase, obrigaron a redactar unha segunda fase para darlle un tratamento adecuado a urbanización do entorno exterior en contacto ao conxunto. O acceso principal orixinal, cara norte, onde apareceron achados da vía de acceso primeira, esixen unha nova formulación do borde/encontro entre o edificio e a beirarrúa. Consecuentemente esta parte marcará a relación do conxunto do Convento de Donas co contorno urbano edificado e é a clave para a proposta de urbanización que se quere levar a cabo.

Con todo o que se pretende é que o conxunto acade a dignidade que merece, e exixen unha actuación que sexa quen de mostrar a identidade e funcionalidade do Convento de Donas como un equipamento urbano a escala de cidade, que sexa á vez capaz de achegar ao contorno un espazo de convivencia, confluencia e encontro, nun punto moi singular de acceso á cidade, ao carón do Camiño de Santiago e poñendo en valor os restos patrimoniais que chegaron ata nós.

Así, as obras desta segunda fase recollen:

No que respecta ao edificio:

  • Resolver os accesos, respectando os achados do edificio orixinal.
  • Pechar e rematar as fachadas do conxunto edificado: revocos dos muros de cachote e fachada lixeira no corpo de ampliación
  • Incorporación de carpintarías: de madeira nos peches de pedra orixinais, e de aluminio no corpo ampliado
  • Dotación de instalacións ao conxunto: fontanaría, electricidade e telecomunicacións, iluminación, calefacción, ventilación contraincendios.

No que respecta ao urbanización da contorna inmediata:

  • Movemento de terras, escavación de terras para conseguir espazo na contorna inmediata da edificación que permita a recuperación da cota orixinal de asento do edificio e a visibilidade dos achados atopados
  • Estrutura de muros para a contención das terras nos desniveis que aparecen entre a cota de acceso da edificación existente e o viario circundante
  • Drenaxes e impermeabilizacións dos muros
  • Solados e pavimentos nos espazos exteriores de paso e estancia, co necesario trazado dun itinerario accesible para todas as persoas .
  • Instalacións de iluminación e sinalización.