O Concello iniciou a colocación de mobiliario na praza García Naveira, dentro dun proxecto que inclúe tanto a instalación de pezas novas como a recolocación dos bancos históricos de González do Villar e os de pedra que rodeaban a praza da Diana Cazadora.
As actuacións forman parte dos proxectos que o Concello está a levar a cabo en varias zonas do centro da cidade e centro histórico, no que a alcaldesa considera a transformación máis importante do casco antigo en decenios”.
O proxecto recolle unha transformación da imaxe da área monumental, especialmente das prazas de García Naveira e da Constitución, dos cantóns de San Roque e Claudino Pita, da Porta da Vila e da contorna de Santa María e San Francisco. É precisamente nesta contorna onde se perciben os primeiros cambios, coa colocación bancos de madeira ao redor da fonte, como estaban antigamente, creando un recuncho único.
Os bancos de pedra que estaban situados nas árbores próximas á fonte, serán agora situados ao redor doutras árbores da propia praza, unha vez limpados e adecentados.
Ademais destes bancos, colocáronse xa as primeiras papeleiras, inspiradas no modelo de González do Villar.
Estas modificacións tamén se reflectirán nas próximas semanas nas feiras do 1 e 16 e nos mercados semanais, con novas redistribución dos postos, nas feiras; e novos postos de venda, para os mercados semanais. Nas feiras, a idea é que se recupere a súa antiga distribución, polo que os vendedores instalaranse de maneira radial ao redor da fonte de Diana Cazadora. A ela sumaranse o mobiliario restaurado de González Villar e varias árbores emulando a alameda existente en O Campo.
Os cambios estéticos alcanzarán os negocios do centro histórico e o seu señalética comercial, que se tentará ir unificando, en bolsas, carteis, toldos ou expositores, ata conseguir unha imaxe única, a de marca Centro histórico de Betanzos.
Os vendedores do mercado semanal contarán con novos mostradores, que eles mesmos poderán montar e desmontar adaptado á contorna e á estética escollida por de Betanzos.
Ademais destas actuacións, o Concello executa a reforma do mercado municipal do centro histórico e a creación de dúas áreas verdes en Os Cabidos e Travesa-Peixaría que, dalgunha maneira, cubrirán unha das carencias máis notorias do centro histórico, agora sen apenas espazos para o esparexemento, ningún específico para os nenos que residen ‘intramuros’. A maiores, tamén están previstos outros dous plans de actuación en toda a zona a través do propio Concello con Turismo de Galicia e da Reserva da Biosfera.











