Betanzos lamenta que a Xunta culpe ao Concello de atrasos cando o IGVS ten as autorizacións para iniciar as obras de rehabilitación das súas vivendas desde hai semanas

310

O goberno local lamenta que a Xunta “volva faltar á verdade” á hora de informar sobre a situación das vivendas que se están rehabilitando no centro histórico e culpabilice ao Concello de supostos atrasos no inicio dos traballos cando “a realidade é ben distinta”. Neses momentos das seis  licenzas solicitadas polo IGVS para a execución de obras cinco contan coa autorización do Concello.

 

A rúa do Pinche 9, conta con licenza de obra desde o 23 de marzo; a Cerca 43, desde o 24 de marzo; a Segunda Venela de Clérigos 4, desde o 24 de marzo; e Alfolí 34 ten licenza para realizar actuacións urxentes desde o 25 de abril.

Os traballos en Venela de Clérigos 10 estaban pendentes dunha autorización de Patrimonio que chegou esta mesma semana e o día 4 obtivo a autorización municipal. Só resta a licenza de Alfolí 6 para a que o Concello solicitou documentación adicional ao IGVS o pasado 9 de marzo sen que ata agora lla presentase a Xunta ao Concello.

Canto ás licenzas de primeira ocupación, nestes momentos o Concello ten pendente de conceder tres, que foron presentadas o pasado mes de febreiro e que están en fase de tramitación e outra do 23 de decembro de 2021 que está pendente e que neste caso por causas alleas tanto ao Concello como á propia Xunta.

O goberno local lamenta que a Xunta culpabilice na súa resposta parlamentaria sobre a situación das vivendas ao Concello “cando realmente quen ten a pelota no seu tellado é a Consellería, que é a que ten que sacar adiante os traballos de rehabilitación das vivendas e que conta desde hai semanas coas autorizacións para facelo”, explican desde o goberno local.

Pero para o Concello o máis grave da situación é que  a Xunta “tente pór a responsabilidade no Concello destes atrasos cando o IGVS conta con vivendas con licenza de ocupación desde hai meses, para as que mesmo a propia Xunta xa realizou o sorteo e adxudicación destas, e que os betanceiros e betanceiras aínda seguen esperando que lle entreguen as chaves. Supomos que o que buscan é un acto máis próximo ás eleccións para facer entrega desas chaves e mentres as casas acabadas, baleiras e en risco de que se deterioren”.

O goberno local considera que “o único que tenta a Xunta é buscar unha nova confrontación co Concello que, en todo caso, o que si vai facer é defender os intereses da veciñanza de Betanzos cando consideren que se están atacando os dereitos que nos corresponden como sucede  co transporte, a educación, ou a sanidade, por exemplo”. No caso da vivenda, o que lle pedimos á Xunta “é que responda as súas obrigacións e entregue as vivendas adxudicadas desde hai tempo aos betanceiros e betanceiras que as están esperando.