Betanzos reformará a praza Paio Formoso, a rúa Mariña e a contorna do Matadoiro

602
Matadoiro municipal

O Concello iniciará o luns as obras de mellora da urbanización e de servizos da praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, situadas na zona de protección do Centro histórico de Betanzos, e reorganizará as dúas prazas incluídas no ámbito de actuación e á súa recuperación como espazos destinados ao lecer e descanso da poboación. As obras incluirán a reorganización das dúas prazas, a renovación do pavimento en todo o ámbito, a substitución das actuais canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga naqueles tramos que non fosen renovadas e a execución dunha nova iluminación en ambas as prazas. O custo do investimento supera os 237 000 euros. Os traballos afectarán o tráfico polo que haberá unha sinalización específica durante as obras.

A alcaldesa, María Barral, explicou que a intención do Concello é recuperar espazos para o uso da cidadanía, e resolver con certo equilibrio a convivencia deste co automóbil, redefinindo tránsitos e limitando o espazo destinado a estacionamento de vehículos.

Na praza Paio Formoso resérvase para o uso peonil o acceso directo fronte ao paseo Antolín Faraldo, e desprazarase o acceso rodado ao Malecón, fronte ao río. Con isto obtense un espazo protexido do automóbil, no que poder colocar bancos e zonas axardinadas e conseguir así espazos íntimos onde poder estar. As árbores definen o perímetro da zona de praza, conseguen sombras, e integran os aparcadoiros que se propoñen.

Na praza do edificio Matadoiro, con motivo de destacar ao edificio e crear, así mesmo, un lugar de uso e estancia, colocarase beirarrúa de granito xunto ao peche do matadoiro que disuada de aparcar e permita o paso ao seu lado, e, na zona de ensanche, de novo uns bancos, mesas de xadrez e zonas de xardín, con flores e arbustos, que conformen un recuncho onde xogar e convivir.

A sección da rúa que é obxecto de renovación canto a infraestruturas urbanas, proponse pavimentar de novo con plataforma única cun carril central de formigón de 2,40 m de ancho e dúas franxas laterais, pegadas ás frontes construídas, de granito, que lle proporcione configuración de alfombra, resolva as irregularidades do trazado e, ao mesmo tempo, permita racionalizar a colocación do conxunto de tapas de rexistro individuais das instalacións, de modo que calquera substitución ou actuación nelas non afecte o pavimento continuo do centro da rúa.

Desta forma “as obras previstas neste proxecto teñen como obxectivo mellorar a urbanización de todo o ámbito de actuación incluído no proxecto e en especial a reordenación das dúas prazas e a súa recuperación para o uso da cidadanía, adquirindo o valor físico, simbólico e social que deben ter as prazas. Físico polo lugar central que achegan á comunidade de recreación da infancia e das persoas adultas cos seus xogos e bancos para sentar e gozar cos amigos, simbólico polo que representa para a conformación mesma da zona e da cidade e un inmenso valor social por canto conforman un espazo de reunión, de xeración de lazos entre seres humanos de distintas xeracións e costumes, que paga a pena compartir” explicou a primeira edil.

En ambas as prazas, as zonas de estadía definidas polas zonas axardinadas e de bancos, resáltanse tamén cun pavimento de laxas de granito silvestre de 6 cm de espesor e a execución dunha nova iluminación pública. No resto da superficie das zonas peonís realizarase un pavimento de formigón lavado.