O Concello acaba de sacar a contratación a renovación do pavimento dunha das vías principais da cidade, a avenida Jesús García Naveira, na que se investirán máis de 65 000 euros. Os traballos realizaranse neste último trimestre de ano.
Trátase dunha actuación coa que se pretende mellorar o firme de aglomerado da totalidade da avenida así como realizar un novo pintado, revisando ademais as tapas de servizos, despois de que esta vía sufrise nos últimos anos unha constante e lóxica deterioración como consecuencia da importante intensidade de tráfico que absorbe.
O asfalto nestes momentos conta con numerosos tramos gretados, así como problemas nos trazados de pendentes que xeran dificultades para a correcta xestión das augas pluviais. Por iso, exponse a renovación integral da pavimentación existente de aglomerado mediante unha operación de fresado e posterior substitución do espesor de aglomerado asfáltico.
Os técnicos municipais explicaron que non se actuará sobre as zonas de aparcadoiro da avenida, executadas con lastro de pedra, agás naqueles casos nos que sexa necesaria a súa substitución no seu contacto co aglomerado asfáltico e as zonas contiguas necesarias para a súa correcta execución.
Reporase, iso si, a sinalización viaria co pintado de todas as áreas de carga e descarga e posibles vaos, coa excepción da modificación da praza de aparcadoiro de persoas de mobilidade reducida para a súa adaptación ás dimensións esixidas de acordo coa normativa vixente.
A maiores melloraranse os pasos de peóns, con pintado e con actuacións complementarias a través de iluminación que reforcen a seguridade viaria. A intención do goberno local é estender este programa de mellora de pasos de peóns a outros puntos da cidade.
Camiño dos Caneiros
Por outra banda, o Concello ultima os traballos de arranxo do camiño de San Xiao, cara á zona dos Caneiros. Os traballos execútanse ante o perigo de desprendemento que existía polo estado do pavimento. O Concello encargou un estudo técnico urxente que agora leva a cabo a través dunha actuación que inclúe a creación de beiravías “amables” ata o cruzamento dos Caneiros, ao longo dun tramo duns 100 metros; a mellora do firme e a instalación de tubos de desaugadoiro para a auga. Atende así o Concello unha petición veciñal de creación dunha zona peonil. As obras teñen un custo de máis de 40 000 euros.
A mediados do mes de outubro está previsto que conclúan os traballos e se poida reabrir ao tráfico o camiño.










