Comeza a primeira fase de traballos de restauración do Pasatempo

307
Os responsables políticos de Infraestruturas e Patrimonio, Diego Fernández e Andrés Hermida e osTécnicos municipais, xunto aos redactores do proxecto e a empresa adxudicataria.no parque do Pasatempo

O Concello comezou as obras da primeira fase de restauración e conservación do estanque do Retiro do Pasatempo. O persoal técnico municipal, xunto co equipo redactor do proxecto e a empresa adxudicataria, xunto cos responsables políticos de Infraestruturas  e Patrimonio, Diego Fernández e Andrés Hermida, respectivamente, mantiveron unha reunión de comezo dos traballos que se prolongarán por 15 meses.

Trátase das primeiras obras incluídas no convenio asinado entre o propio Concello e a Deputación (que prevé un investimento de 750 000 euros) para as que se destinarán finalmente 485 599 euros (prezo de adxudicación). Parteluz Restauración, empresa especializada en restauración e rehabilitación, que acreditou a súa solvencia técnica cunha relación de obras executadas no últimos cinco anos, avaladas con certificados de boa execución, realizará os traballos.

O proxecto ten como obxectivo conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e desfrute, e sexan seguros desde o punto de vista funcional e estrutural e adecuados desde o punto de vista estético; Ademais intervirase no material escultórico para a súa estabilización e conservación, evitando, completar as pezas deterioradas. Os criterios xerais desta  primeira fase da actuación será asegurar ou reforzar os elementos estruturais que presenten risco de caída, derrubamento ou alteración significativa.

Con base ao proxecto técnico, procurarase que os materiais a empregar sexan do mesmo tipo que os utilizados na obra orixinal, pero diferenciándose en cor ou textura, para deixar explícito, cal é o orixinal e cal a reconstrución implementada. Soamente se achegará o novo material cando as necesidades estruturais, funcionais, ou de comprensión o recomenden. Dada a variedade da intervención en cada peza ou conxunto, requirirá dunha metodoloxía singular de traballo.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, destacou o papel “fundamental” que neste proceso tivo e ten a Deputación “co seu presidente á fronte, quen se involucrou para destinar ao Pasatempo unha partida que entendemos moi importante e que permite iniciar un proceso de recuperación, por fases, que doutra forma sería imposible”.  Barral insistiu de novo en que “a colaboración da Xunta non pode limitarse á redacción do plan director senón que debe achegar unha cantidade económica, como mínimo, similar á Deputación, tendo en conta que, ademais, se trata dun Ben de Interese Cultural”.