
Un dos clásicos do verán betanceiro ponse en marcha coa apertura de inscricións aos equipos participantes.
O torneo desenvolverase no noso pavillón municipal, dende o día 2 de xullo ata o 9 de agosto. Xogaranse 3 partidos por día, de luns a xoves, en horario de 20:45, 21:45 e 22:45.
Para a celebración do mesmo, deben participar como mínimo 8 equipos e como máximo 24, confirmando aos equipos por orde de inscrición.
O Concello de Betanzos e o club local Troula Fútbol Sala organizan novamente este espectacular torneo, que acolle todos os seráns do mes de xullo e agosto a centos de betanceiros e betanceiras no seu pavillón municipal do Carregal.
Practicamente a totalidade dos equipos contan con xogadores da nosa localidade, converténdose nun referente deportivo a nivel comarcal. O éxito do torneo refléxase na boa organización do club local e da estreita colaboración coa concellería de deportes, que unha vez máis tende a man para que edición tras edición, se manteña o nivel e se coiden todos os detalles.
Sendo un evento deportivo, supón unha aportación máis para as festas patronais de San Roque, para as cales ano tras ano a actividade deportiva supón un polo de atracción turístico que engrandece unhas festas de Interese Turístico Nacional.
Para inscribirse no torneo prema aquí










