Betanzos acolleu o pasado sábado 29 de marzo, a Copa de España Mulleres de ciclismo na estrada, terceira etapa do campionato nacional, que contou coa presenza na cidade de máis de 400 mulleres, de 12 nacionalidades distintas, pertencentes a máis de 60 equipos de todas as categorías.
Betanzos, en palabras da alcaldesa, María Barral, converterse así, unha vez máis, nun referente deste deporte en Galicia, unha cidade cunha longa tradición ciclista, que vai seguir “apoiando este deporte e a fomentar os valores do esforzo, a superación e compañeirismo que o define”.
Con presenza na Volta Ciclista a España nestes últimos anos; con participación activa en probas internacionais e do nivel de O Gran Camiño, a Copa de España é un paso máis na consolidación de Betanzos no mundo da competición ciclista grazas, especialmente, “a clubs con tanta historia e tanta tradición como o Club Ciclista de Betanzos” que organiza xunto ao Concello esta proba.
O concelleiro de deportes, Ricardo Cheda, destacou que a importancia que teñen eventos deportivos como este “na economía local”, pola cantidade de persoas que estiveron en Betanzos. “gozando da nosa gastronomía, comercio, centro histórico…”.
Explicou que con esta competición o Concello demostra “o seu apoio incondicional a probas deportivas de nivel nacional polo que supoñen para Betanzos e a súa promoción”.
Agradeceu tamén os dispositivos de seguridade a través de Policía Local e Protección Civil que traballaron para que “todo transcorrera con normalidade”.
Houbo categorías Cadete, Junior e Sub-23. En cada unha das probas, a saída foi desde a praza García Irmáns ás 9.00 horas; 10.30 horas e 12.30 horas.
1 de 77










