O Concello incoa unha segunda sanción de 2678 euros, por mora no prazo de execución, á empresa que executa os traballos de urbanización e servizos da praza Paio Formoso e a rúa da Mariña ata a rúa Manuel Naveira. Esta proposta únese aos 9504 euros xa impostos polo Concello como consecuencia do atraso das obras ao considerar que é “imputable á empresa”.
O Concello expresou “o seu fondo malestar” polo atraso que acumulan os traballos e os “inconvenientes que esta situación provoca nos residentes da zona”, advertíndolle á empresa que exercería as accións que estimase oportunas ante o atraso na execución das obras, que comezaron en xaneiro e que a día de hoxe aínda non concluíron cando o prazo para facelo era de tres meses.
Os traballos de mellora da urbanización e de servizos desenvólvense na praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, situadas na zona de protección do Centro histórico de Betanzos, e reorganízanse as rúas das dúas prazas incluídas no ámbito de actuación e á súa recuperación como espazos destinados ao lecer e descanso da poboación.
á executado gran parte do proxecto aínda que aínda falta a instalación de pedra, pavimentacións e outros detalles. O goberno local entende que se trata, en moitos casos, dun problema “que está a ter a empresa construtora coas empresas provedoras” mais esa circunstancia “non xustifica o atraso que acumulan os traballos pasados sete meses desde que en xaneiro comezasen as obras. A previsión neste caso por parte da construtora non foi a idónea e iso afecta o desenvolvemento dos traballos, e créalle un grave prexuízo á veciñanza que reside no barrio” explicou o goberno local.
Trátase dun dos proxectos máis importantes non só para esta zona senón para a cidade, en canto a investimento, “polo que o Concello lle requiriu á empresa que acelere ao máximo estes e busque solucións á situación, advertíndolle, ao mesmo tempo, que ante o incumprimento nos prazos seguiranse tomando as medidas oportunas”.