O Concello advírtelle á empresa que realiza a mellora do barrio da Ribeira que tomará medidas ante os continuos atrasos nas obras

442
A alcaldesa, María Barral, xunto ao concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández

O Concello trasladoulle á empresa que executa o proxecto de mellora do barrio da Ribeira “o seu fondo malestar” polo atraso que acumulan os traballos e os “inconvenientes que esta situación provoca nos residentes da zona”. Ante iso, o Concello advírtelle á empresa que exercerá as accións a Administración estime oportuna ante o atraso na execución das obras, que comezaron en xaneiro e que a día de hoxe aínda non concluíron cando o prazo para facelo era de tres meses.

Os traballos de mellora da urbanización e de servizos desenvólvense na praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, situadas na zona de protección do centro histórico de Betanzos, e reorganízanse as dúas prazas incluídas no ámbito de actuación e á súa recuperación como espazos destinados ao lecer e descanso da poboación.

Nestes momentos se está aexecutar unha gran parte do proxecto aínda que aínda falta a instalación de pedra, as pavimentacións e outros detalles. O goberno local entende que se trata, en moitos casos, dun problema “que está a ter a empresa construtora cos seus provedores” mais esa circunstancia “non xustifica o atraso que acumulan os traballos pasados sete meses desde que en xaneiro comezasen as obras. A previsión neste caso por parte da construtora non foi a idónea e iso aféctalle o desenvolvemento dos traballos, e créalle un grave prexuízo á veciñanza que reside no barrio” explicou o goberno local.

Trátase dun dos proxectos máis importantes non só para esta zona senón para a cidade, en canto ao investimento, “polo que o Concello lle requiriu á empresa que acelere ao máximo estes e busque solucións á situación, e advertiulle, ao mesmo tempo, que ante o incumprimento nos prazos tomará as medidas oportunas”.

Os traballos forman parte dun programa municipal que non só lle afecta a este popular barrio senón que tamén se está a desenvolver no centro histórico ou na coñecida como “zona nova”, onde se executaron obras na rúa Pintor Seijo Rubio, tras facelo na rúa Venezuela, Tomás Dapena ou Alcalde Beccaría. Tamén se realizaron varias actuacións na zona rural, co arranxo de viarios municipais na maior parte dos núcleos, a través de diversos plans provinciais.

Ribeira

O obxectivo do proxecto da Ribeira é recuperar os espazos para o uso da cidadanía, e resolver con certo equilibrio a convivencia destes co automóbil, redefinir os tránsitos e limitar o espazo destinado ao estacionamento de vehículos.

As obras inclúen a reorganización das dúas prazas, a renovación do pavimento en todo o ámbito, a substitución das canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga naqueles tramos que non fosen renovadas e a execución dunha nova iluminación en ambas as prazas. O custo do investimento supera os 237 000 euros.

Na praza Paio Formoso resérvase para o peón o acceso directo fronte ao paseo Antolín Faraldo, e desprázase o acceso rodado ao Malecón fronte ao río. Con isto obtense un espazo protexido do automóbil, no que poder colocar bancos e zonas axardinadas e conseguir así espazos íntimos onde poder estar. As árbores definen o perímetro da zona de praza, conseguen sombras, e integran os aparcadoiros que se propoñen.

Na praza do edificio Matadoiro, con motivo destacar o edificio e crear, así mesmo, un lugar de uso e estadía, colocarase a beirarrúa de granito xunto ao peche do Matadoiro que disuada de aparcar e permita o paso ao seu lado, e, na zona de ensanche, de novo uns bancos, mesas de xadrez e zonas de xardín, con flores e arbustos, que conformen un recuncho onde xogar e convivir.

A sección da rúa que é obxecto de renovación canto a infraestruturas urbanas, paviméntase de novo con plataforma única cun carril central de formigón de 2,40 m de ancho e dúas franxas laterais, pegadas ás frontes construídas, de granito, que lle proporcione a configuración de alfombra, resolva as irregularidades do trazado, e, ao mesmo tempo, permita racionalizar a colocación do conxunto de tapas de rexistro individuais das instalacións, de modo que calquera substitución ou actuación nelas non lle afecte o pavimento continuo do centro da rúa.

En ambas as prazas, as zonas de estadía definidas polas zonas axardinadas e de bancos, resáltanse tamén cun pavimento de laxas de granito silvestre de 6 cm de espesor e a execución dunha nova iluminación pública. No resto da superficie das zonas peonís realizarase un pavimento de formigón lavado.