O goberno local licitou as obras de renovación do sistema de funcionamento da rede semafórica da cidade. Trátase dun proxecto que se incluíu no POS 2020 da Deputación e no que se investirán máis de 60 000 euros. Con esta actuación o goberno local busca renovar todos os equipos reguladores, que son antigos e que nos últimos anos ocasionaron numerosos problemas, especialmente coincidindo con alteracións meteorolóxicas.
O proxecto recolle a renovación da rede de semáforos no cruzamento da avenida da Coruña (Instituto As Mariñas), de Castela-Concepción Arenal, Fraga Iribarne e Jesús García Naveira, do Centro Pai Menni, o cruzamento de García Naveira (gasolineira) e da praza García Naveira, da Ponte Vella, da Ponte Nova e de Saavedra Meneses.
Os semáforos pasarán a utilizar tecnoloxía actual, instalando tamén premedores onde está regulado o paso peonil e co pintado de báculos e renovación de pantallas.
Este proxecto completa outro que consistiu na mellora de 40 pasos peonís en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización.
A actuación encadrouse nun programa de mellora de seguridade que incluíu tamén a elevación de pasos, en varias rúas da zona centro; a instalación de sinais informativos con luces intermitentes, tamén en pasos próximos a zonas escolares, Malecón, avenida Fraga Iribarne, estrada de Castela (entre outras); e peticións a outras administracións, ao non ter competencia municipal sobre esas vías, para que colocasen bandas rugosas xusto antes dos pasos de peóns.