O Concello acaba de adxudicar o Servizo de Axuda no Fogar á empresa “Iades” para os dous vindeiros anos, tras un proceso de selección no que participaron un total de catro empresas. Trátase do servizo municipal máis importante canto á partida orzamentaria, ao alcanzar os 1,3 millóns de euros ao ano. O servizo é cofinanciado entre a administración e as persoas usuarias, que nestes momentos alcanzan as 108. Aínda que non é unha competencia municipal, segundo explicou hoxe a alcaldesa, María Barral, o Concello achega algo máis do 50 % do importe, porcentaxe que inclúe a tarifa de pago das persoas usuarias e que, en todo caso, é unha ínfima parte dese custo. O resto é sufragado pola Xunta e o Estado.
A adxucación do servizo é de 24,93 euros por hora prestada pola empresa concesionaria, o dobre que o Concello pagaba hai só seis anos, o que reflicte a forte subida que tivo nestes últimos anos o servizo, principalmente pola suba de salarios e a mellora das condicións laborais.
O servizo ten por obxecto facilitar un conxunto de actuacións ás persoas ou familias no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou en casos de desestruturación familiar. De aí que, malia ás situacións económicas que poidan, nun momento determinado, afectar directamente as arcas municipais o goberno local manterá e potenciará este tipo de programas que apostan pola atención, a protección social e a conciliación.
O servizo será para persoas dependentes valoradas a través do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia de Galicia. Estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atende persoas maiores con dificultades de autonomía e persoas con discapacidade, así como fogares con menores nos que se observe a necesidade dunha interveción de carácter socioeducativo.
As tarefas do servizo céntranse principalmente en actuacións de carácter persoal e doméstico (limpeza e mantemento do fogar, aseo persoal, compras, adecentamento da roupa, acompañamentos etc.). O Concello conta con outros servizos de atención domiciliaria, enmarcados neste programa, que pretenden contribuír a que as persoas permanezan nos seus fogares o maior tempo posible e cun nivel de independencia e autonomía aceptable. Entre eles encóntranse o servizo de teleasistencia domiciliaria, o de xantar na casa e o préstamo de axudas técnicas.











