“O Concello de Betanzos obtén o Distintivo SG CITY 50-50 pola Igualdade de Xénero”

324

O Concello de Betanzos obtivo o Distintivo SG CITY 50-50 a favor da igualdade de xénero, no marco da Norma SG CITY 50-50, e grazas á súa integración no proxecto DIXECP (Distintivo para a Igualdade de Xénero en Pobos e Cidades), cofinanciado pola Unión Europea. Este recoñecemento certifica o compromiso do municipio coa igualdade entre mulleres e homes, impulsando a incorporación da perspectiva de xénero en todas as súas políticas e actuacións.

A política local estase a consolidar como un actor clave na promoción da igualdade, especialmente cando esta se converte nunha liña estratéxica do goberno municipal.

A Norma SG CITY 50-50 é a primeira ferramenta que permite implantar, avaliar e certificar un sistema de xestión orientado á igualdade de xénero nos gobernos locais. Ofrece unha metodoloxía clara e práctica para axudar aos municipios a:

  • Implantar, avaliar e certificar a integración da perspectiva de xénero nas súas actuacións.
  • Establecer un proceso de mellora continua mediante estratexias específicas e indicadores que garanten a eficacia das políticas públicas.

Durante os próximos anos, o Concello deberá implementar as accións recollidas no Plan de Compromiso, elaborado para avanzar na transversalización da perspectiva de xénero tanto a nivel interno como nas súas políticas públicas.

Entre os principais obxectivos do Distintivo destacan:

  • Mellorar as competencias de xestión municipal e reforzar as capacidades técnicas e políticas en materia de igualdade.
  • Facilitar a integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas do territorio.

Ofrecer unha oportunidade para corrixir prácticas discriminatorias e relacións de poder inxustas.

Con esta certificación, o Concello de Betanzos pasa a formar parte da rede de municipios comprometidos coa igualdade, recoñecidos co Distintivo SG CITY 50-50.