O goberno local abrirá un novo proceso de orzamentos participativos a mediados deste mes, concretamente o día 14, para os que se reservará unha partida de 100 000 euros. O obxectivo é a implicación directa da veciñanza no proceso de elaboración dos orzamentos municipais anuais mediante propostas que poderán presentar persoas maiores de 16 anos empadroadas en Betanzos. A presentación de propostas poderá facerse a título individual ou en representación dunha entidade. Cada persoa ou entidade poderá presentar unha proposta. segundo explicou hoxe a alcaldesa, María Barral, durante a presentación do proceso.
Deberán cumprir os seguintes requisitos:
Ser legal: debe constituír un feito legal e ser competencia do Concello de Betanzos.
Ser un investimento: os orzamentos participativos limítanse a un dos capítulos do orzamento municipal, o dos investimentos. Este capítulo IV comprende basicamente os gastos destinados á creación de infraestruturas ou a adquisición de equipamentos.
Ser concreta: as propostas deben ser concretas, e deixar o sei obxecto, o lugar, a finalidade, etc.
A primeira edil indicou que se a proposta seleccionada non cubrise a totalidade da partida orzamentaria, o diñeiro sobrante se destinaría ás seguintes escollidas, sempre e cando sexa viable a súa execución, ata esgotar o orzamento de 100 000 euros. Todas as que sexan viables, independentemente do orzamento, serán sometidos en condicións de igualdade, á elección da cidadanía mediante un proceso de votación.
A recollida de propostas farase tanto de forma telemática, a través da web municipal www.betanzos.gal., na sede electrónica ou no Rexistro xeral do Concello de Betanzos entre o 14 e o 21 de novembro.
Entre o 22 e o 28, o persoa técnico municipal fará unha valoración, clasificación e selección das recibidas, con base ao estudo da súa viabilidade económica e técnica. Esta acta publicarase na web municipal e no taboleiro de anuncios informando da aceptación ou rexeitamento de cada proposta.
Abrirase nese momento, entre o 29 de novembro e o 9 de decembro, o prazo de votación a través dos mesmos medios que os utilizados para a recollida das propostas, é dicir, por medios telemáticos e unha urna localizada no Rexistro xeral. Para facer efectivo o voto, a cidadanía deberá cubrir un documento onde figurarán os seus datos persoais e unha relación das propostas que concorren aos orzamentos participativos. O Concello comprobará que a persoa que participe na votación está empadroada no termo municipal, xa que o programa está dirixido á veciñanza de Betanzos empadroada e maiores de 16 anos
O día 12 de decembro publicarase a proposta ou propostas seleccionada que se executarán con cargo a eses 100 000 euros.
Durante estes últimos anos, a través dos orzamentos participativos se programaron as actuacións en materia deportiva, infraestruturas e equipamentos públicos.