O Concello encarga o proxecto para recuperar o estanque da Gruta do Pasatempo para completar as obras do estanque do Retiro

571

A alcaldesa, María Barral, anunciou que o Concello encargou a redacción do estudo para continuar as obras de restauración do estanque do Retiro do Pasatempo coa mellora do outro estanque que hai neste mesmo nivel, o da Gruta. Trátase dunha actuación necesaria neste ámbito que completará a presentada onte polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a propia alcaldesa, no estanque do Retiro.

A intención é que o proxecto se redacte en paralelo á execución destas obras e que unha vez finalizadas ou “mesmo antes” poder realizalas tamén unha vez obtidas as autorizacións por parte de Patrimonio. Esta actuación tamén se financiaría con fondos do Concello, na seu maior parte e con algunha achega da Deputación.

Xunto con esta obra, a alcaldesa explicou que xa se remitiría a Patrimonio o estudo para pedir a súa autorización para poder realizar as obras necesarias na Fonte do Catro Estaciones despois dos desprendementos que se produciron neste elemento. Propóñense dúas actuacións: unha centrada nunha serie de medidas urxentes para evitar máis deterioración e outra, nunha segunda fase, para a súa restauración integral.

A primeira edil volveu reclamar a colaboración da Xunta nun proxecto que é “non só importante para Betanzos ou a comarca senón a nivel galego polo valor deste parque e o seu simbolismo”, indicou.

“Por iso gustaríame que a Xunta copiase á Deputación e en lugar de que todo quede en palabras, teñamos feitos. Desde o proxecto integral, ata financiamento para poder continuar as obras e non quedarnos só no anuncio  de incluír este Ben de Interese Cultural na súa solicitude do 1,5% cultural. Queremos que a Xunta achegar fondos propios e que inclúa este proxecto entre as súas prioridades”, subliñou a primeira edil.

Barral mostrou  a súa satisfacción “porque, por fin, unha vez obtidas todas as autorizacións e superados os trámites administrativos, coa aprobación do convenio este mes por parte da Deputación e a posterior licitación das obras, vaise dar o paso definitivo para poder comezar a primeira fase das obras de recuperación do parque do Pasatempo para as que a Deputación achegará 420 000 euros e o Concello uns 105 000 euros.

María Barral destacou o compromiso que “atopamos desde o primeiro minuto no goberno da  Deputación Provincial encabezado polo seu presidente, Valentín González Formoso, e a súa disposición a colaborar co Concello á hora de sentar as bases económicas para poder abordar estas primeiras obras”.