O Concello inicia a contratación das cámaras de control de tráfico no centro histórico da cidade

1106

O Concello sacará a contratación a instalación dun sistema de control de tráfico no centro histórico. Trátase de darlle prioridade ás persoas residentes na zona cun sistema que permita regular a circulación a través da instalación dunha serie de cámaras con capacidade de detección de vehículos e lectura de matrículas, ademais da xestión de tráfico en control de acceso. Aínda que todas as restricións que se inclúan neste sistema aínda serán acordadas polo Concello nun futuro.

O concelleiro de Tráfico, Diego Fernández, explicou que aínda que agora se inicien os trámites de contratación, a idea do Concello é pór en marcha o sistema ao longo do último trimestre deste ano, tras un período de proba e adaptación no que se porían en marcha as restricións que se acorden.

As rúas e prazas nas que instarán os dispositivos serán a rúa Roldán, a rúa Castro, a rúa Travesa, a rúa Azougue, a praza da Constitución, a praza de Fernán Pérez de Andrade “O Boo” e a rúa Prateiros. Estas rúas atópanse semipeonalizadas e contan ao longo delas con accesos de rúas adxacentes a estas.

Nestes momentos, o tráfico está regulado, e non existen, no entanto, medios que permitan detectar se os vehículos non autorizados respectan as normas de circulación. Por iso, e para controlar o tráfico que presentan tomouse a decisión de instalar un sistema de control de tráfico que consistirá nunha serie de cámaras con capacidade de detección de vehículos e lectura de matrículas, ademais da xestión de tráfico en control de acceso.

O sistema de control de tráfico disporá dunha base de datos coas matrículas dos vehículos autorizados e compararalas coas recoñecidas polas cámaras, detectando así o acceso de vehículos non autorizados, e emitindo un aviso que rexistre a matrícula do vehículo e a rúa pola que circulou.

O sistema de control de tráfico detectará a entrada e saída dos vehículos que circulen por unha zona calculando o tempo que permanece estacionado, emitindo un aviso, no caso de superarse o tempo preestablecido para esa zona, que rexistre a matrícula do vehículo indicando a hora de entrada e a hora de saída da zona. Tamén distinguirá se o vehículo está autorizado.

O sistema de control de tráfico controlará determinadas zonas onde non estea permitido o estacionamento, detectando e recoñecendo os vehículos que non respecten esta prohibición, emitindo un aviso e rexistrando a matrícula do vehículo e a zona onde estacionou.