Betanzos presentará un recurso á convocatoria da segunda liña do PIREP para intentar que do mesmo xeito que o Mercado Municipal, o proxecto de reforma do Liceo obteña financiamento de fondos europeos

122

O Concello presentará un recurso sobre a valoración realizada sobre a proposta presentada ao plan de axudas de fondos europeos para o Programa de Impulso á Rehablitación de Edificios Públicos (PIREP), para o que Betanzos presentou a reforma do edificio Liceo como sede administrativa. O proxecto presentado, dos 700 que se rexistraron en toda España, quedou a algo máis de tres puntos da nota de corte que foi de 50,92 mentres Betanzos obtivo 47,08 puntos. Por baixo de Betanzos quedaron máis de 500 proxectos. O proxecto de reforma do Liceo tiña un custo de 2,7 millóns de euros.

A mellora do edificio Liceo incluíuse na denominada segunda liña do PIREP despois de que na primeira o Concello fose seleccionado co proxecto de reforma do mercado municipal para o que Betanzos obtivo 1,8 millóns de euros.

A esta cantidade hai que sumar os 1,5 millóns de euros que o Goberno de España lle outorgou a Betanzos para a recuperación do parque do Pasatempo. En total, nestas axudas de fondos europeos o Concello xa recibiu 3,3 millóns, unha cantidade que agarda incrementar con outros proxectos que están nestes momentos a piques de convocarse na que se demandarán máis axudas para o Pasatempo e para o centro histórico  e co plan de sustentabilidade turística no que participa xunto á Reserva da Biosfera.

O Concello explicou que actuacións das incluídas nestes proxectos, como o Liceo, procurarán alternativas de encaixe noutras convocatorias pero, en todo caso, buscarase fragmentalas para “poder afrontalas a través doutros programas de investimento, xa sexa a nivel provincial ou autonómico”.