O Concello mellora a rede viaria municipal na zona rural con máis de 400 000 euros en pavimentacións e sinalizacións

385

O Concello segue a realizar traballos de mellora de viarios municipais. Esta semana contratou as obras para os do Tarreo, a longo dun tramo de máis de 600 metros; e en Guiliade-A Rúa, con outros 200 metros.

 

 

A maiores deste dous viarios, o Concello tamén contratou e xa executou as obras de mellora en Talai, ao longo de case un quilómetro de lonxitude dende a Escola Taller de Bellavista. Dentro do mesmo programa municipal de pavimentacións, rozas e reforzo de sinalización.

Estes camiños únense a outros proxectos xa finalizados nos últimos días situados, especialmente, na zona rural. Actuacións tamén de pavimentación e sinalización horizontal e vertical nas parroquias de Requían e Santo Estevo de Piadela, formando parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Xanrozo, Guiliade e Piadela. En total o investimento nestes camiños alcanzou os 200 000 euros.

Estes camiños son moi utilizados polos residentes destas zonas, e permiten nuns casos o acceso directo aos núcleos de Guiliade e Piadela desde a AC-542, e noutros a comunicación entre os distintos lugares do propio núcleo (Xanrozo e Guiliade). Entre os viarios incluídos nesta execución está o camiño de Xanrozo, de 797 metros de lonxitude que non contaba con ningún tipo de sinalización; o de Xanrozo a Casa Grande, cunha lonxitude de 493 metros, no que tamén se mellorará a sinalización; o camiño de Piadela que conecta coa AC-542, a estrada Betanzos-Mesón do Vento, ao longo de 840 metros de lonxitude; e varios camiños en Guiliade que conectan con varios núcleos de poboación ao longo de máis de 1,5 quilómetros. Nestes viarios, ademais da pavimentación, realizáronse rozas e mellorouse a rede de servizos, ademais da sinalización.

Licitación

A maiores, o Concello acaba tamén de sacar a licitación outro paquete de actuacións de mellora de viarios, dentro do mesmo plan municipal, que inclúe investimentos por un importe próximo aos 186 000 euros.  Os camiños están situados nas parroquias de San Martiño de Tiobre, Santa María de Pontellas, Santo Estevo de Piadela e Santiago de Requián, e forman parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Touriñao, Castro, Illobre, Viladesuso, Guiliade, Infesta e Xanrozo.

Trátase de camiños moi utilizados que permiten o acceso directo dos núcleos de poboación ás estradas autonómicas e provinciais, e cuxo pavimento está moi deteriorado polo paso de tempo e a circulación rodada que soportan, que, ademais, están sen sinalización horizontal, o que supón unha inseguridade, especialmente para os peóns. Esta rede de camiños de titularidade municipal supón a conexión dos núcleos poboacionais da zona rural coa zona urbana.