O Concello pídelle á Xunta que valore a creación dun quinto xulgado en Betanzos

180

O Concello pediralle á Xunta que poña os medios necesarios para mellorar as condicións dos xulgados de Betanzos.

 

 

Así se comprometeu a alcaldesa, María Barral, con representantes de traballadores e traballadoras que lle trasladaron diversos problemas que padecen no seu día a día polo volume de traballo e a falta de persoal.

Entre os servizos polos que desde a Alcaldía se lle pedirá á Xunta melloras está o Rexistro Civil, un servizo utilizado por toda a cidadanía, que ten unha importante carga de traballo  “cos problemas que esa situación xera e que padece a veciñanza cada día”. Ademais, a primeira edil solicitará unha mellora das instalacións do Rexistro “non só de cara a unha mellor atención á cidadanía senón tamén para que os traballadores e traballadoras poidan ter unhas óptimas condicións laborais”.

A alcaldesa amosou a súa preocupación, polos datos que lle trasladaron, polo “atasco” que hai na tramitación de expedientes sobre todo de xurisdición civil polo que pedirá, neste sentido, que desde a Dirección Xeral de Xustiza “busquen solucións xunto coas traballadoras e traballadores”.

A alcaldesa lembrou que o propio presidente da Xunta cando era responsable, como conselleiro, da administración de Xustiza anunciaba en 2009 a necesaria creación dun cuarto xulgado e anticipaba que era necesario “un quinto”. Nestes momentos, pola carga de traballo, “a creación dese quinto xulgado é algo no que incidiremos desde o Concello nun partido xudicial do que forman parte 17 municipios”.