O Concello reducirá o impacto visual das casas abandonadas con lonas que reproducen a súa fachada

343

O Concello pretende reducir o impacto visual que xeran algúns soares do centro histórico nos que hai vivendas en situación de abandono e ás que se lle abriu un expediente coa colocación de lonas que simulen as fachadas das vivendas.

Nunha primeira fase, este programa preténdese realizar naqueles expedientes con ordes de execución en vivendas ante o risco de desprendemento de elementos á vía pública.

Nestes expedientes, en lugar de pór redes ou outro tipo de elementos de contención, o Concello pediralle ás persoas propietarias a instalación de lonas nas que se reproduza a fachada ou a parte da fachada deteriorada.

 

 

O primeiro edificio no que se tomará esta medida está situado no número 2 da praza da Constitución. De forma subsidiaria, o Concello encargou unha lona coa reprodución dunha parte da fachada.

Sobre este inmoble, o Concello abriu un expediente hai anos co derrubamento de maneira subsidiaria a parte superior. Os feitos remontábanse a un fallo xudicial de 2011 despois de que as persoas propietarias do inmoble non adaptasen este á licenza concedida polo Concello en 1995.

En distintos fallos xudiciais, ordenábaselle aos propietarios axustar  a construción do edificio á licenza outorgada en 1995 que só contemplaba obras menores e a reparación dunha cuberta sen tocar a estrutura interior do inmoble. As obras, con todo, executadas consistiron no baleirado do inmoble e a construción dunha estrutura nova de formigón e aceiro, así como o aumento do volume inicial da edificación.

En 2011, despois de que por parte o xulgado comprobase que as actuacións realizadas no inmoble non se axustaban tampouco ao establecido na sentenza de 2002, o Concello requiriulle que adoptase as medidas precisas para chegar á execución material da sentenza.

Ao longo destes anos a parte demandada realizou diversos trámites pola vía xudicial ata que finalmente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmoulle ao Concello a execución do derrubamento. Os traballos de derrubamento afectáronlle ao terceiro andar, ao ático do inmoble e a outros elementos do edificio que non se axustaban á licenza concedida en 1995.

Neste sentido, e atendendo a medidas de seguridade manteranse a estrutura de formigón, de vigas e alicerces. As medianeiras limpáronse e saneáronse.