O Concello está a executar, de forma subsidiaria, a limpeza de diversas leiras particulares situadas no centro urbano. Primeiro foi na zona dos Ánxeles, entre as vivendas e o río Mandeo, dentro dun programa municipal que agora se executou na zona de doutor Fariña e rúa do Rollo, unha parcela urbana que levaba anos sen ser limpada.
Son terreos que as persoas propietarias non rozaron, como é a súa obriga, próximos a vivendas, nos que o Concello actúa de forma subsidiara despois de todo un longo proceso de trámites administrativos e que desde hai anos xeran problemas de convivencia.
Nos próximos días os traballos continuarán en parcelas da zona de Saavedra Meneses que se atopan nesta mesma situación.
A roza dos terreos tamén se realizará na zona rural, en leiras próximas a vivendas nas que se está incumprindo a orde de limpeza de maleza e arbustos nunha franxa de seguridade de 50 metros. Nestes momentos, o Concello ten máis de 700 expedientes abertos con ordes de roza de terreos nos que as persoas propietarias están obrigadas a realizar os traballos. En caso contrario, o proceso prevé sancións e o pagamento dos traballos de forma subsidiaria.
O Concello explicou que a maior parte dos casos, as persoas propietarias están a responder ben e asumindo as súas responsabilidades. Noutros, con todo, a situación alóngase no tempo polo caso omiso das persoas propietarias e porque o proceso administrativo é longo. “Hai moita veciñanza prexudicada, pola proximidade ás súas vivendas desas leiras sen limpar e que non comprenden que non se poida actuar máis rapidamente por parte da administración mais non podemos entrar en propiedades privadas á lixeira” sinala o concelleiro de Servizos, Andrés Hermida.
Ademais destas leiras, o Concello iniciou un plan de roza e limpeza de viarios municipais e zonas públicas, que comezará no polígono industrial de Piadela e irase estendendo polo resto do municipio.









