O Concello saca a contratación as obras de mellora da praza de Dona Águeda mentres executa as da praza do Emigrante

400
Praza do Emigrante

O Concello executará a mellora da praza de Dona Águeda, a través dun programa provincial, no que investirá máis de 190 000 euros. Trátase dun proxecto que se suma ás obras doutro espazo público como a praza do Emigrante, cuxos traballos xa comezaron.

A primeira edil, María Barral, indicou que “son actuacións necesarias en ambos os espazos que ao longo dos últimos anos sufriron unha constante deterioración polo paso do tempo”.

A praza de Dona Agueda presenta un deficiente estado de conservación na pavimentación e a impermeabilización con carácter xeral na práctica totalidade da superficie desta así como nos encontros cos elementos fixos de xardinaría e de conexión cos elementos de evacuación das augas (cazoletas e enreixados) así como en instalacións de iluminación e sumidoiros de recollida de augas.

O obxectivo é pois actuar dunha maneira integral sobre o deseño e funcionalidade da praza cun novo deseño de pavimento xunto cun banco que delimita a nova xeometría do espazo, recolocar o mobiliario urbano, eliminar as xardineiras fixas e dotar dun uso máis lóxico da superficie da praza eliminando os problemas actuais de recollida de augas pluviais.

Conseguirase desta maneira actualizar os acabados, resolver os problemas que se detectaron de impermeabilización cara á planta inmediatamente inferior que alberga as prazas de aparcadoiro das edificacións que circundan o propio espazo público e naturalizar as zonas de goce outorgando unha imaxe de coherencia a esta praza dentro do centro urbano.

Canto á praza do Emigrante, os traballos que se executan inclúen tamén tanto a  rehabilitación como a impermeabilización desta, reordenar o espazo e mellorar o seu deseño e funcionalidade coa posibilidade de crear áreas de descanso e xogos infantís, recolocando o mobiliario urbano para xerar “un uso máis lóxico da superficie da praza e dotala dunha identidade da que actualmente carece”.

Os traballos consisten na mellora, por tanto, do firme, renovar o pavimento, as instalacións eléctricas e de recollida de pluviais para evitar as filtracións que se producían sobre o garaxe existente debaixo da praza.

Renovarase tamén o pavimento e o mobiliario e incluirase o deseño de novos bancos e zonas de descanso, plantación de especies vexetais e a localización dunha nova área de xogos infantís.

O orzamento previsto para esta actuación é de 316 166 euros.