O Concello substitúe varias árbores da praza dos Irmáns García Naveira que estaban enfermas e ademais pertencían a unha especie invasora

1274
Retirada das árbores que estaban enfermas na praza

Betanzos, 29 de xaneiro de 2018. O Concello completou diversos traballos de xardinaría na praza dos Irmáns García Naveira. Trátase da plantación de nove acacias na beirarrúa situada nas as inmediacións do edificio Liceo, os xulgados e o centro da terceira idade, en substitución doutras tantas que aínda sendo tamén da familia das mimosas, eran acacias das denominadas invasoras que, ademais, nalgúns casos, tras realizar a poda este pasado inverno,  comprobouse que padecían enfermidade.

Por esa razón, o Concello, dentro dos traballos de xardinaría que tiña previstos realizar na praza e rúas próximas, incluíu a reposición destas árbores, que se suman á colocación de dúas xardineiras de madeira que flanquean a entrada ás oficinas municipais do edificio Liceo nas que se plantaron pequenos “loureiros”.

Entre os traballos de mantemento tamén se realizou un seguimento das árbores da Alameda que tiveron que ser tratados de forma especial despois de ser afectados por un “pulgón” que atraía avespas “velutinas”.

Outra das actuacións centrouse na contorna da estatua dos irmáns García Naveira, con diversas especies de plantas florais e a renovación das xardineiras que bordean a praza. Instaláronse novas xardineiras na rúa Travesa e en diversas rúas da zona nova da cidade.