O goberno local encarga o proxecto técnico para levantar a Casa Gótica despois de que o propietario rexeitase de novo vender os restos

515

O  Concello adxudicou a redacción do proxecto de  reedificación do número 5 da rúa da Cerca, a coñecida como Casa Gótica. O proxecto inclúe a recuperación das fachadas e a cuberta. Trátase dun paso máis por parte do goberno local para a recuperación dun dos símbolos do centro histórico, que o  Concello acaba de contratar de forma subsidiaria, isto é, o custo será reclamado ao propietario. Unha vez redactado, terase que executar os traballos por parte do propietario ou ben tamén de maneira subsidiaria.

A área de Urbanismo tomou a decisión despois de tentar negociar coa propiedade un acordo para a adquisición do inmoble. Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Andrés Hermida, houbo un principio de acordo pero, finalmente, no momento de plasmalo “botouse de novo atrás”.

Así as cousas, a postura da concellería é clara en canto á súa “intención de que esta construción se recupere”, co que aos gastos do proxecto técnico, e os traballos xa realizados polo  Concello de estabilización do único muro que quedaba á casa, executados hai unhas semanas, cun custo de 22.000 euros; súmase tamén a sanción de 6.000 euros que aínda ten pendente. Todo  iso “seguirá o curso administrativo, cos procedementos abertos”, explica o edil quen lamenta “a pouca ou nula vontade do propietario para negociar a venda a un prezo xusto. Temos un solar abandonado, cunha serie de actuacións que foron realizadas da forma que foron e a pesar diso segue sen querer chegar a un acordo cando a intención do  Concello é, simplemente, recuperar, primeiro un símbolo da zona, como é a Casa Gótica, para uso público”.

Andrés Hermida lembrou a obrigación que impón a  Lei de Patrimonio Cultural de Galicia ás persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias, de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia, como é o caso, de “conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou  deterioración”.