Prazas cubertas no programa de exercicio físico e coidado do solo pélvico

174

O Concello de Betanzos informa que debido ao interese xerado na actividade “Exercicio físico e coidado do solo pélvico” e o número de inscricións realizadas para participar para os días 16 e 23 de febreiro, as prazas para eses dous días están esgotadas e as persoas que tiveron praza teñen a oportuna comunicación por correo electrónico.

Así mesmo, e tendo en conta a boa acollida, o Concello de Betanzos realizará máis xornadas en vindeiras datas que se determinarán proximamente, para as que se respectará a orde de inscrición, e as persoas seleccionadas recibirán a correspondente comunicación do Departamento de Deportes do Concello.

En palabras do concelleiro de Deportes e Participación cidadá, Ricardo Cheda, “somos conscientes da demanda da veciñanza para a programación de quendas tamén de tarde, e por iso nesta ocasión as ofertaremos, para cubrir esa necesidade.”

O curso/obradoiro inclúe unha primeira parte teórica e unha parte práctica onde se tratarán aspectos como a hixiene postural, a respiración diafragmática 360º, unha sesión de ioga e unha sesión de relaxación guiada cunha duración aproximada de 01:30 h.

O obradoiro seguirá sendo impartido por Flavia Polanco, de MatroSaúde, na Sala de Usos Múltiples do edificio Liceo, en Betanzos. Grazas a este obradoiro Betanzos contará cun servizo novidoso que moi poucos concellos ofrecen e dunha importancia enorme para a sociedade.