O Concello incoará unha terceira sanción de 5.270,40 euros, por mora no prazo de execución, á empresa que executa os traballos de urbanización e servizos da praza Paio Formoso e rúa da Mariña ata a rúa Manuel Naveira. Esta proposta únese aos máis de 12 000 euros impostos polo Concello como consecuencia do atraso das obras ao considerar que é “imputable á empresa”.

O Concello considera que o atraso acumulado non ten xustificación ningunha polo que impulsará e esgotará todas as vías administrativas necesarias para tratar de que a empresa adxudicataria finalice os traballos. O goberno local trasladoulle, unha vez máis, á empresa  “o seu profundo malestar e decepción” polo desenvolvemento da obra e polos “inconvenientes que esta situación provoca nos residentes da zona”, advertíndolle que nestes momentos o contrato está en mans da asesoría xurídica por se é necesario emprender outro tipo de accións tendo en conta que as obras, que comezaron en xaneiro, a día de hoxe aínda non concluíron cando o prazo para facelo era de tres meses.

Os traballos de mellora da urbanización e de servizos desenvólvense na praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, situadas na zona de protección do centro histórico de Betanzos, céntranse na reorganización das dúas prazas incluídas no ámbito de actuación e á súa recuperación como espazos destinados ao lecer e ao descanso da poboación.

Trátase dun dos proxectos máis importantes non só para esta zona senón para a cidade, canto ao investimento, “polo que desde o Concello requiriulle á empresa que acelere ao máximo estes e busque solucións á situación, advertíndolle, ao mesmo tempo, que ante o incumprimento nos prazos seguiranse tomando as medidas oportunas”.