Betanzos celebra nova edición da Semana da Tortilla. Será a XV edición desta festa gastronómica que se desenvolve entre o 10 e o 19 de outubro en 14 locais de hostalería: A Cova do Frade, Adega Lastras, Burger City e Café de Segundo, El Arrozal, Cervexería Yocri, Café Bar Capricho, Mesón Avenida, El Plaza, Restaurante Casanova, Bar Galicia, Bar Kutako, Vinoteca Versalles, O Noso Recuncho e La Travesía Vinos.
Os locais que participan teñen un cartel identificativo. Como novidade, o Concello tamén conta coa aplicación móvil GastroBetanzos que estará dispoñible para Android e iOS, para que a clientela dos locais inscritos na XV edición da Semana da Tortilla de Betanzos poidan participar de xeito activo neste evento.
Ao descargar GastroBetanzos no teléfono poderase, alén de obter información da Semana, participar en sorteos e votar pola tortilla preferida. Para iso, as persoas interesadas deberán escanear o código QR asignado de xeito exclusivo a cada un dos locais para que quede constancia de que se probou a súa tortilla. Ao realizar o escaneo en cinco dos establecementos participantes, entrarase no sorteo de cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos “Restaurantes da Biosfera”, certificados no ano 2019 na Marca de Calidade coa colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e de cinco lotes de productos de merchandising de Coca-Cola.
Ademais, cando os usuarios da aplicación completen o escaneo dos cinco códigos QR poderán votar pola tortilla que lles pareza mellor, e así colaborar na elección do establecemento gañador da XV Semana da Tortilla de Betanzos na categoría de Premio Popular. Tamén se poderá participar selando o díptico informativo en 5 dos 14 locais participantes para entrar no sorteo.
O prezo da tapa é de 2,5 euros e o da tortilla enteira de 20 euros. A tortilla servirase entre as 12:30 h e as 15:00 h pola mañá e entre as 20:00 e as 22:00 h pola tarde, excepto os venres e os sábados, nos que o horario será de 20:00 a 23:00 h pola tarde, aínda que un gran número de establecementos ampliarán este horario.
Concurso Mellor Tortilla Caseira
Por outra parte, dentro da Semana da Tortilla tamén se abre a incrición para participar no concurso de mellor tortilla caseira. Neste caso, as persoas interesadas poden apuntarse do 7 ao 15 deste mes na Oficina de Turismo ou no correo [email protected].












