Corte de tráfico na zona de Santa María a partir de mañá mércores

204

O Concello comezará mañá a última fase das obras de mellora da rúa Santa María, en pleno centro histórico. Por esta razón, cortarase o tráfico entre a primeira Venela de Clérigos e San Francisco. Os traballos que restan na zona céntranse na renovación do pavimento, unha vez que xa se realizou a substitución das redes de servizos. O proxecto forma parte do Plan Único da Deputación Provincial e conta cun investimento de 150.000 euros.

Con esta actuación, o goberno local continúa a política de rehabilitación de vías e espazos públicos situados en zonas significativas dentro do centro histórico. A finalidade de todas estas actuacións é reforzar os valores arquitectónicos e espaciais da zona e contribuír así á revalorización patrimonial, social e turística desta parte da cidade.

As obras pretenden, sen dúbida, contribuír a reforzar os valores arquitectónicos, segundo indicou a alcaldesa, María Barral, quen explicou que con elas “revalorizará o valor patrimonial, histórico e turístico, ademais, por suposto, de optimizar o funcionamento das instalacións municipais e liquidar os problemas existentes nas redes de servizos”. “Dáse continuidade ás actuacións realizadas en anos anteriores noutras rúas da súa contorna, así como no resto do centro histórico e concretamente nas rúas Pinche, Cerca, Noas e Pastelería”, indicou a primeira edil.

Dadas as características da rúa no que se refire ao seu trazado e dimensións expúxose unha pavimentación con laxas de cantería, sen desniveis, seguindo a pavimentación realizada noutras rúas próximas. As obras contemplaron a substitución dos servizos de abastecemento, recollida de residuais e recollida de pluviais coa finalidade de renovar unhas canalizacións obsoletas e liquidar os problemas existentes nestas redes, a mellora da deficiente iluminación pública, a futura eliminación dos cruzamentos aéreos de electricidade e telefonía e a substitución do pavimento de chapacuña e pedra por un pavimento de laxas de granito en toda a rúa.