As obras de pavimentación da avenida Fraga Iribarne obrigarán a cortar o tráfico o xoves durante todo o día

245

As obras de asfaltado da avenida Fraga Iribarne obrigarán a cortar o tráfico desde a rontonda de As Cascas ata a zona próxima a Mercadona durante o vindeiro xoves.

Os traballos de pavimentación executaranse na contorna da nova rotonda situada no cruzamento da rúa Irmáns Martínez Santiso coa propia avenida Fraga Iribarne. A pavimentación desta zona atrasouse como consecuencia da instalación de 3.000 metros de fibra óptica que afectaba directamente a varias zonas do municipio, entre elas, o polígono industrial.

O atraso por parte da operadora nestes traballos afectou de forma directo ao desenvolvemento das obras de pavimentación da avenida.

O corte ao tráfico producirase a partir das 9.30 horas para facilitar os accesos ao aulario e ao colexio Vales Villamarín. Á hora de recollida de alumnos, a alternativa pasará por acceder á zona a través da avenida da Coruña cara ao Carregal e polas rúas interiores da zona do Pasatempo. En principio, segundo as previsións da empresa, sobre as 18.00 horas abrirase ao tráfico a avenida.

A zona permanecerá sinalizada con valos de seguridade ata o venres, día no que está previsto o pintado de todo o tramo. Durante ese día realizaranse cortes puntuais, permitindo a circulación por un dos carrís.

A sinalización horizontal delimitará, segundo os técnicos, o uso desta rontonda e mellorará notablemente a fluidez de tráfico. O modelo proposto polos técnicos responde á tipoloxía de miniglorieta, entendida como glorieta de pequenas dimensións cuxa illote central é totalmente franqueable a fin de que poidan virar os vehículos de grandes dimensións. O seu emprego é idóneo en contornas urbanas onde se circula a unha velocidade moi baixa. A mini-glorieta ten un illote central de menos de 4m de diámetro exterior e adaptarase á realidade física do emprazamento.

Dada a proximidade da rotonda inmediatamente posterior de ligazón coa Avenida Jesús García Naveira, onde se é posible o cambio de sentido de vehículos pesados, o obxecto de deseño da miniglorieta responde á resolución de problemas de incorporación e viro “pero non se pensou para o cambio de sentido total de vehículos de grandes dimensións”, segundo explicaron os técnicos.

Aproveitando a execución das novas beirarrúas, optimizáronse as anchuras, situaron alcorques para árbores de modo análogo ao executado na beirarrúa da gasolineira da zona e sinalizouse correctamente a totalidade do ámbito.

O proxecto técnico incluíu a mellora no tramo comprendido entre a glorieta de entroncamento coa Avenida do Carregal, e a glorieta de entroncamento coa Avenida de Jesús García Naveira, un tramo que presentaba un deficiente estado de conservación ademais de problemas de mobilidade.

A actuación está incluída no Plan Único de Concellos (POS+2020) cun custo que superará os 210.000 euros.

Despois de realizar un estudo técnico, viuse a necesidade de revisar os cruces coa avenida Juan García Naveira, onde se propuxo a introdución dunha rotonda dun carril, no encontro coa rúa Irmáns Martínez Santiso.

A construción da rotonda e pequenos illotes servirán para canalizar o tránsito e mellorarán a intersección en incorporacións, polo que a accidentalidade potencial do cruzamento diminuirá considerablemente.

Realizouse ademais o reforzo da sinalización, tanto vertical como horizontal da zona de actuación na que se realizou tamén o fresado e reposición do firme corrixindo as pendentes .