Barral reúnese co persoal técnico de Fomento para valorar diversas actuacións que considera necesarias previas ao acordo de cesión da N-VI e a N-651

782

O Concello e a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia mantiveron unha reunión técnica, e visitaron varios tramos da N-VI e da N-651, para valorar diversas actuacións que o Concello considera necesarias previas a un posible acordo de cesión por parte do agora Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ao propio Concello.

 

 

Trátase de actuacións ligadas á seguridade, especialmente, con relación ao pavimento, a sinalización (pintado) e a construción da rotonda da Magdalena.

O obxectivo que persegue o Concello con esta petición é dobre. Por unha banda, que dispoña de autonomía sobre unha vía que a día de hoxe é netamente urbana e que por tanto poida xestionala como tal; e por outro, levar a cabo unha serie de actuacións que permitan humanizala, algo que agora, por normativa do Estado, non se pode executar.

Os máis de seis quilómetros da N-VI comprenden desde o límite de Betanzos con Coirós; todo o núcleo urbano ata a zona das Angustias, mentres que o tramo da N-651, a estrada que une Betanzos con Ferrol, comprende o barrio da Ribeira e Saavedra Meneses.

A vía converteuse nunha “travesía urbana” e, por tanto, a competencia debe pasar a ser municipal unha vez que o ministerio acometa unha serie de obras que a deixen en bo estado de conservación. María Barral indicou que aínda que existe moi boa sintonía para que “os dous tramos destas estradas nacionais pasen a ser municipais, non podemos recibilos sen que se executen unha serie de actuacións previas á cesión, que entendemos que son necesarias despois de anos sen actuar sobre elas”.

A primeira edil tamén pretende que se axilicen dúas actuacións de mellora das infraestruturas viarias en Betanzos e que “son necesarias para mellorar a fluidez de tráfico no futuro como a glorieta no cruzamento da Magdalena coa avenida da Coruña, para a que xa se redactou un estudo técnico; e a creación dunha rotonda na N-651 á altura do viario que conduce ao cemiterio municipal. Para eses dous proxectos seguiremos traballando conxuntamente co Ministerio”.