Betanzos anuncia alegacións cos veciños coas que pretende mellorar o proxecto presentado pola Xunta  para a AC-542

385
O concelleiro de Infraestruturas, Andrés Hermida, xunto a técnicos municipais no edificio Liceo e representantes da asociación de veciños de Infesta.
O concelleiro de Infraestruturas, Andrés Hermida, xunto a técnicos municipais, mantivo unha reunión con representantes da asociación de veciños de Infesta  para analizar o proxecto de mellora da estrada AC-542, entre a zona de As Cascas e Infesta, presentado hai uns días pola Consellería de Infraestruturas.


Concello e veciños puxeron sobre a mesa diversas observacións que trasladarán á Xunta e nas que, en moitos casos, coinciden veciños e Concello. Trátase, nuns casos, de actuacións  que consideran deben ser tidas en conta á hora de executar as obras de mellora e que non foron recollidas no proxecto, e noutros, de “modificacións sobre o que hai exposto, que entendemos, desde o noso punto de vista, que mellorarían  tamén as condicións da vía”.


O edil de Infraestruturas explicou que nesas alegacións traballan tanto os técnicos municipais como a Policía Local, e que serán expostas aos veciños nunha reunión prevista para o próximo día 15 ás 20.00 horas.


Nese encontro cos veciños, o Concello expoñerá o que tecnicamente considera necesario que debería revisarse por parte da Xunta “sen pechar a porta a achegas  que os veciños poidan realizar nesa reunión e que tecnicamente tamén poidan ser viables”.


Andrés Hermida destacou que a importancia que este proxecto ten para Betanzos “despois de anos de reivindicacións” polo que considera que “é necesario acordar as actuacións para que ese proxecto sexa o mellor posible para os veciños e Concello e cubra as necesidades que en materia de seguridade levan esixindo durante anos”.