Betanzos organizará tres marchas ciclistas de primavera en marzo e abril

738

O Concello de Betanzos celebrará nas próximas semanas unha nova edición das Marchas de Primavera 2026, unha iniciativa deportiva que busca promover a actividade física e o ciclismo entre a veciñanza.

As marchas terán lugar os domingos 15 e 22 de marzo e 12 de abril, con saída ás 12:00 horas desde a Praza Irmáns García Naveira, punto habitual de encontro para este tipo de actividades na cidade. A organización lembra que o uso do casco será obrigatorio durante todo o percorrido para garantir a seguridade das persoas participantes.

A iniciativa está organizada polo Concello de Betanzos e conta coa colaboración do Club BTT Caimanes Betanzos e do Club Ciclista Betanzos – CCB, ademais do apoio da Deputación da Coruña e da empresa Gadis.

Con estas marchas, o municipio pretende fomentar a práctica deportiva ao aire libre e a convivencia entre afeccionados ao ciclismo, aproveitando a chegada da primavera para percorrer en bicicleta diferentes espazos da contorna de Betanzos.