Betanzos propón á Xunta modificar a sinalización da estrada a Abegondo para facilitar os accesos ao Farragoto

259
O concelleiro de Infraestruturas, Andrés Hermida e a veciñanza afectada pola sinalización en O Farragoto

O Concello proporalle á Xunta unha modificación na sinalización da AC-542, a estrada que une Betanzos con Mesón do Vento, á altura do acceso ao Farrogoto. A nova sinalización realizada nesta vía pola Xunta, cunha liña continúa, obrígalle ás persoas usuarias deste viario a desprazarse á rotonda das Cascas ou de Montellos para poder incorporarse ao Farrogoto.

O Concello e a veciñanza solicitaron no seu momento á Xunta, cando se estaban realizando os traballos de pintado da vía, que se mantivese a liña descontinua existente hai unhas semanas, aínda que, “por motivos de seguridade” a Administración autonómica trasladoulle ao Concello que “este tramo non se ía a modificar”. No entanto, explica o concelleiro de Infraestruturas, Andrés Hermida, trasladaron ao Concello que “estaban abertos a estudar propostas”.

Por esta razón, o propio edil mantivo unha reunión coa veciñanza afectada pola sinalización para concretar a proposta que remitirá o Concello á Xunta e que pasa por modificar “a sinalización actual, eliminando parte dos dous carrís que existente agora de subida a Montellos desde Betanzos, xusto no tramo do Farrogoto, para crear carrís de incorporación”. Este viario de incorporación permitiría acceder ao Farragoto aos vehículos que proveñen de Betanzos ou os que se incorporan á vía en dirección a Montellos desde o propio Farragoto.

A proposta técnica é similar á solución adoptada na zona do centro Pai Menni e contaría con parámetros de seguridade polo que desde o Concello espérase “que a Xunta a teña en conta e que adopte as medidas que se prevén na proposta co fin de facilitarlle a mobilidade á veciñanza da zona”.