Betanzos propoñerá solucións técnicas como as adoptadas na Ribeira para minimizar inundacións no porto ao tempo e esixe saber “días e horas” de apertura das minicentrais que hai río arriba

294
Porto de Betanzos, asolagado polo desbordamento da ría debido ás mareas vivas

A alcaldesa, María Barral vai expor a Portos de Galicia que estude para o porto unha solución similar  á que no seu día adoptou Fomento na estrada nacional ao seu paso pola Ribeira. É dicir, a instalación dun sistema de bombas automáticas que eviten ou minimicen as inundacións na zona e que con máis frecuencia do normal, xa que se produciron en repetidas ocasións, afectaron as naves industriais que están situadas na zona do porto.

María Barral, que visitou a zona, pedirá unha reunión con Portos para trasladar a preocupación do Concello e buscar “solucións” ante os problemas que padecen as empresas da zona, que pagan un canon por ocupar parte dese terreo e que ven como “as crecidas do río e os desbordamentos están a afectarlles de forma directa no seu día a día”.

A primeira edil exporá que se estude tecnicamente unha solución ao problema aínda que “os técnicos consultados polo Concello apuntan a que a solución pode pasar por adoptar algo parecido á Ribeira”, indicou María Barral, quen mostrou a súa “colaboración e disposición con Portos para buscar solucións a este problema”.

A primeira edil indicou que Betanzos non foi a única cidade que se viu afectada pola subida de niveis “ante as mareas que houbo estes días”. De feito, víronse afectadas zonas da contorna do río Mendo e do Mandeo por “desbordamento dos ríos” que tamén puideron coincidir, como pasou noutras situacións, coa apertura das minicentrais.

“Descoñecemos se se abriron ou non, xa que, aínda que o solicitamos oficialmente, o Concello segue sen saber en que momento ábrense as comportas. Noutras ocasións, esta apertura coincidiu tamén con mareas vivas, polo que non podemos descartar que nesta ocasión non volvese suceder o mesmo”, afirmou.

 

María Barral asumiu que nesta situación hai zonas como o parque Pablo Iglesias “no que, por moito que fagamos, debido á súa cota, en episodios nos que o nivel do río suba como estes días, é imposible evitar que os camiños se asolaguen. Con todo, nalgunha zona do Pasatempo e da Ribeira, instouse por parte do Concello á empresa de mantemento da rede de saneamento e auga a que “revisen as conducións e, en particular, a situación dalgunha arqueta na que cremos que situacións como as destes días prodúcense problemas. “É certo que absorben moitos metros cúbicos de auga e que en momentos puntuais pode haber problema, pero entendemos que eses puntos, en concreto, deben ser revisados para verificar que as conexións son correctas, algo que a empresa verificará nos próximos días”, indicou.