Betanzos renovará a rúa Alcalde López Datorre e reformará a praza do Emigrante para evitar filtracións e mellorar a súa estética

186
Praza do emigrante

O Concello acaba de aprobar outros dous proxectos para incluír en plans provinciais. Trátase da mellora da urbanización e servizos de rúa Alcalde López Datorre e a rehabilitación e impermeabilización da praza do Emigrante.

En total un investimento de 473.255 euros. Sobre este último proxecto, a alcaldesa, María Barral, explicou que se trata dunha actuación que ten como obxectivo reordenar este espazo e mellorar o seu deseño e funcionalidade coa posibilidade de crear áreas de descanso e xogos infantís, recolocando o mobiliario urbano para xerar un uso máis lóxico da superficie da praza e dotala dunha identidade da que actualmente carece.

Os traballos consistirán na actualización dos acabados e en resolver os problemas que se detectaron de impermeabilización cara á planta inmediatamente inferior. Mellorarase, por tanto, o firme actual, renovando o pavimento, as instalacións eléctricas e de recollida de pluviais para evitar as filtracións que se producían sobre o garaxe existente debaixo da praza.

Renovarase tamén o pavimento e o mobiliario incluíndo o deseño de novos bancos e zonas de descanso, plantación de especies vexetais e a localización dunha área de xogos infantís. O orzamento previsto para esta actuación é de 316.166 euros.

En canto á rúa López Datorre, trátase dun proxecto que se enmarca na renovación de vías da zona urbana que o Concello levou a cabo ao longo deste mandato. Unificarase o pavimento do firme e das beirarrúas e renovaranse os servizos de abastecemento de auga e saneamento. O cambio de beirarrúas e de pasos de peóns da rúa será nos mesmos termos que os expostos noutras renovacións como as rúas Venezuela , ou os proxectados para Alcalde Beccaría ou Tomás Dapena.

Modificaranse tamén os puntos de iluminación pública. O proxecto supoñerá un desembolso duns 157.000 euros