Betanzos prepara un proxecto para converter a actual sede da Policía Local en oficina de Turismo e centro de interpretación e servizos do centro histórico

225

Betanzos prepara un novo proxecto dentro do programa de mellora da competitividade e de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico a través do plan de recuperación, transformación e resilencia do Goberno de España.

Trátase dunha actuación que formará parte dunha serie de proxectos que se incluirán en este mesmo plan e que afectarán tanto o centro histórico como ao Pasatempo.

Un dos proxectos centrarase na creación do Centro de Información Turística que incluirá a oficina de Turismo e un centro de interpretación do centro histórico, ademais doutros servizos municipais vinculados a este ámbito.

O proxecto completa a rehabilitación da actual sede da Policía Local, que se trasladará, segundo explicou a alcaldesa de Betanzos, María Barral, ao antigo edificio de sindicatos, na avenida da Coruña.

A idea é crear no edificio do centro histórico ese Centro de Información Turística (CIT)
coa potenciación do coñecemento da cidade, mostrándoo desde distintos puntos de vista.

Exponse a apertura dunha zona documental museística permanente referida á muralla de Betanzos e outra temporal debido á cantidade de información que se ten da cidade e para que se manteña o interese e as visitas dos betanceiros/as e non só dos foráneos. Tamén haberá espazos para conferencias ou charlas promovendo a actividade.

Dotarase con medios dixitalizados, facendo deste espazo, pola súa tecnoloxía, un dos máis avanzados e actuais á hora de proxectar a historia da cidade e poñer en valor a riqueza do centro histórico.

Xunto a esta parte museística, tamén se habilitará un espazo para os servizos turísticos, trasladando a estas instalacións a oficina municipal de Turismo, situada agora no edificio Liceo. Este espazo que agora ocupa a oficina formará parte dos accesos ao edificio Liceo, cuxa mellora e acondicionamento está incluída noutro proxecto presentado aos fondos europeos.

Os espazos recuperados permitirán unha gran diversidade de usos permanentes e temporais. Crearanse pezas de almacenaxe que garanten dar soporte a diferentes usos e resolver a incorporación de instalacións, todos eles para dar servizo ás múltiples posibilidades de expresión de información e exposición: documentación, maquetas, exhibición de obxectos, charlas, representacións… así como todas as oportunidades de ser sempre útiles á cidade.

Traslado da Policía

A rehabilitación deste espazo como uso turístico e de servizos fará que a sede da Policía Local trasládese ao antigo edificio de Sindicatos, un lugar que tamén albergará instalacións para asociacións. O edificio contará cunhas instalacións para a Policía acordes ás actuais necesidades e a súa localización tamén mellorará a mobilidade á hora de atender incidencias, ao facilitar o desprazamento.