O Club BTT Caimanes Betanzos vén de conseguir un magnífico resultado no Campionato Galego de XCO, celebrado a pasada fin de semana en Ribadumia.
A cadete Xiana Seijo Sánchez protagonizou unha gran carreira que se viu reflectida no seu resultado final, proclamándose subcampioa de Galicia na súa categoría.
Este éxito é froito do intenso traballo e dedicación que Xiana amosa semana tras semana, así como da súa regularidade e bo facer ao longo de toda a tempada. Como recoñecemento ao seu rendemento, Xiana foi seleccionada para defender as cores da Selección Galega nos Campionatos de España en Idade Escolar (CESA), que terán lugar en Tarazona de la Mancha.
En canto ás actividades que o Club BTT Caimanes Betanzos ten programadas para este verán, hai que destacar o regreso, despois de dez anos, da histórica Ruta Cicloturista Ruta del Agua, que se celebrará o vindeiro 19 de xullo pola tarde. A saída e a meta estarán situadas na Praza dos Irmáns García Naveira e o percorrido atravesará os concellos de Betanzos, Paderne, Coirós e Irixoa. As inscricións están abertas na web da Federación Galega de Ciclismo ata o 16 de xullo.
Ademais, do 28 de xullo ao 8 de agosto, o club organiza un Campamento Deportivo dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. O horario será de 09:30 a 14:00 no IES Francisco Aguiar e o campamento contará cun máximo de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.
Para rematar, o 3 de agosto, ao longo de toda a mañá, o Parque do Pasatempo e as súas inmediacións acollerán a 12ª edición da MiniBTT Concello de Betanzos, unha cita xa consolidada no calendario e que reúne cada ano a un gran número de pequenos ciclistas.
O Club BTT Caimanes Betanzos continúa así coa súa aposta polo deporte, a formación de novos talentos e o fomento da actividade física na comarca.












