O Comité de Ética en Intervención Social (CEIS) As Mariñas presentou a súa Memoria Anual 2025, un documento que recolle o conxunto de actividades, avances e liñas de traballo desenvolvidas ao longo do último ano co obxectivo de fortalecer a ética como eixo fundamental da intervención social no territorio do Consorcio As Mariñas.
A memoria pon de manifesto a consolidación do CEIS como espazo independente de reflexión, asesoramento e acompañamento profesional, orientado a garantir prácticas sociais respectuosas cos dereitos das persoas e baseadas na dignidade, a responsabilidade pública e a deliberación ética.
Segundo destaca a presidenta do Comité, Serezabel Rodríguez, “a ética non é un fin en si mesma, senón unha maneira de facer intervención social, situando o benestar das persoas no centro de cada decisión”. Neste sentido, o documento subliña o compromiso colectivo das 24 persoas profesionais que integran o órgano, procedentes de ámbitos sociais, educativos, sanitarios, xurídicos e do terceiro sector, configurando un espazo interdisciplinar pioneiro en Galicia.
Un ano de actividade intensa e consolidación institucional
Durante 2025, o CEIS desenvolveu unha intensa actividade centrada na formación, a reflexión ética e a proxección institucional. Entre as accións máis destacadas figura o Curso Avanzado de Ética en Intervención Social, incluído no Plan de Formación 2024–2025, que reuniu a profesionais dos servizos sociais co obxectivo de mellorar os procesos de toma de decisións en contextos complexos.
Así mesmo, o Comité organizou a xornada profesional “A ética como soporte da intervención social”, celebrada en Abegondo, que reuniu profesionais, responsables institucionais e persoas usuarias nun espazo de diálogo innovador no que, por primeira vez, se incorporaron directamente as voces da cidadanía á reflexión ética.
A memoria tamén recolle a participación do CEIS en espazos académicos e congresuais de referencia, como o XXVI Ateneo de Bioética na Coruña, o XVII Congreso Nacional de Bioética en Teruel e o I Congreso de Ética en intervención social en Valencia, reforzando a conexión do Comité coas redes estatais de coñecemento e coa reflexión ética contemporánea.
Organización, participación e traballo en rede
No plano interno, o Comité celebrou sete reunións ao longo do ano —cinco ordinarias e dúas extraordinarias— cunha participación media próxima ao 70 %, mantendo ademais o compromiso de descentralizar as sesións polos distintos concellos do Consorcio.
O traballo estruturouse a través de grupos temáticos especializados en comunicación, elaboración de recomendacións, avaliación, revisión normativa e investigación, destacando a creación do novo grupo CEIS de Proximidade, orientado a achegar a reflexión ética ao Servizo de Axuda no Fogar.
Mirada de futuro: participación e cultura ética compartida
A Memoria 2025 identifica tamén os retos futuros do Comité, entre os que destaca a incorporación progresiva das persoas usuarias dos servizos sociais nos procesos deliberativos, reforzando así a dimensión democrática e participativa da ética aplicada.
O documento conclúe reafirmando o papel do CEIS As Mariñas como referente na promoción dunha intervención social humanizadora, deliberativa e orientada aos dereitos, nun contexto social marcado por novos desafíos sociais, tecnolóxicos e organizativos.
A memoria completa está dispoñible na web do Consorcio As Mariñas para consulta pública e constitúe unha ferramenta de transparencia e mellora continua ao servizo das institucións, das profesionais e da cidadanía.












