O Concello de Betanzos impulsa a mellora de viarios no rural e no casco urbano e renova o Paseo de Bullas

193

O Concello acomete unha mellora de viarios municipais en diferentes puntos. Trátase de traballos que se prolongarán durante varias semanas e que forman parte dun programa de melloras que incluíu tamén desbroces e limpezas. Entre os incluídos nesta relación atópase O Cepiño, onde xa se iniciaron as obras; a explanada da Condomiña e un vial nesta zona; varios viarios na zona da Espantosa, e un que une Castro-San Fiz cara Miodelo.

No mesmo programa, o Concello abordará o asfaltado do camiño en Guiliade, na zona de Casa Novas e A Sancia; en San Martiño, onde tamén se mellorará toda a explanada na que se celebra a festa, a petición dos veciños; e a renovación dos camiños da Lanza e o de Agra do Pedroso.

Dentro do mesmo plan executaranse obras en Piadela, coa recuperación do camiño da Igrexa; e nos vindeiros meses, o de Monte Aberto. Ademais, levaranse a cabo traballos en Coto-Farragoto e en Viladesuso.

Como complemento a estes viarios na zona rural, tamén está previsto o arranxo de viarios na Condesa e na zona dos colexios; e na rotonda das Cascas.

Limpeza

Ademais destas obras, o Concello está a executar labores de limpeza no cauce do río Pelamios, na zona de Caraña, que inclúe tamén o Paseo de Bullas e a praza Enrique IV.

En concreto, no Paseo de Bullas, o Concello plantou novas árbores (bidueiros), en substitución doutros exemplares que estaban mortos; e limpou todo o pavimento da zona na que se instalará novo mobiliario urbano, como bancos e papeleiras. Tamén está prevista unha nova fonte. Estas mesmas actuacións realizáronse na praza Enrique IV, formando parte do programa municipal de limpeza de espazos públicos.