O goberno local presentou ante a Xunta alegacións ao proxecto de mellora da AC-542 entre As Cascas e a rotonda da autovía en Infesta que en boa parte coinciden tamén coas dos veciños da zona.
A alcaldesa, María Barral, indicou que a mellora da seguridade viaria da estrada é unha antiga reclamación do Concello, especialmente na zona de Infesta, con todo, a proposta técnica presentada agora xera “problemas nalgúns puntos que imos tentar, tanto veciños como Concello, que se solucionen”. Neste sentido, ademais das alegacións, solicitará unha reunión coa conselleira para “falar sobre esta cuestión”.
As alegacións céntranse na mellora de diversas incorporacións en puntos do tramo. Entre eles o de incorporación á N-VI en dirección Betanzos á altura da Condesa, onde se obrigará aos vehículos para facer o cambio de sentido na rotonda de As Cascas, cargando de tráfico a entrada á cidade.
Tamén o Farragoto, onde o Concello exporá a construción dunha rotonda que permita e mellore tanto o acceso ao novo vial a Pai Menni como a incorporación dos veciños cara a Betanzos e cara a Infesta. Outra das alegacións centrarase na instalación de redes de servizos de pluviais, que están obsoletas.
Ademais, desde o goberno local considérase necesario revisar distintos tramos que aparecen con liña continúa e actualmente estaba discontinúa e pedirase que o paso pola ponte do ferrocarril en Infesta sexa o máis ancho posible.
A primeira edil explicou que entende que a construción dunha nova ponte é unha solución que economicamente pode ser difícil de asumir por parte da Xunta polo que lle pide un esforzo máximo en solucións técnicas que permitan “ampliar o ancho da calzada e mellora a seguridade dos peóns cun paso voladizo a ambos os dous lados”.
Barral tamén indicou que entre as alegacións preguntarase á Xunta pola que “parece” desaparición de varios tramos de beirarrúas que o Concello pedirá “que se acondicionen” así como a ampliación da zona peonil no cruzamento do Camiño Real de Infesta chegando ao núcleo de infesta.









