O Concello reclámalle á concesionaria do subterráneo unha serie de medidas urxentes ante as queixas das persoas usuarias pola falta de seguridade

411
Entrada do aparcadoiro da praza Irmans García Naveira

O Concello pretende que a empresa concesionaria do aparcadoiro subterráneo mellore de forma urxente as condicións do servizo despois de recibir queixas de persoas usuarias, que se incrementaron nos últimos días. O Concello remitiulle unha providencia á empresa con base ao contrato de construción e explotación do estacionamento para aclarar unha serie de cuestións con base ás protestas trasladadas polas persoas usuarias das instalacións. Así, o Concello reclámalle á empresa que acredite que a prestación do servizo se está realizando de maneira ininterrompida durante todos os días do ano, xa que está é unha das súas obrigas segundo o prego de cláusulas administrativas.

Ademais, pide que se acredite o mantemento do servizo de vixilancia permanente do estacionamento que permite a retirada de vehículos por parte dos seus propietarios e propietarias a calquera día do día e da noite, aínda cando estea pechada a admisión de novos vehículos. E, por último, unha xustificación do cadro de persoal existente para facer fronte ás obrigas da contratación.

O Concello explica que hai unhas semanas, tras recibir algunhas queixas, trasladoulle á empresa “a súa preocupación” polo funcionamento do aparcadoiro. Xa naquel momento expuxo unha falta de persoal, xa que só hai en horario de mañá, o que fai que as persoas usuarias “non poidan recorrer a ninguén noutro horario se teñen algún problema”; tamén se lles trasladou a súa preocupación por situacións de inseguridade ao unirse a falta persoal e a falta de iluminación. O Concello tamén consideraba que ao pechar as portas do aparcadoiro como fixo a empresa coincidindo coa pandemia é “contraproducente para manter as medidas hixiénicas e de seguridade, xa que fai que as persoas usuarias teñan obrigatoriamente que utilizar os mecanismos de apertura manualmente sen que estes estean desinfectados”.

Tampouco funciona correctamente a apertura de portas para os cartóns de abonados nin se mantivo o horario de 24 horas para poder utilizar o aparcadoiro como está previsto en contrato.

Estas deficiencias trasladáronse mais “a día de hoxe aínda non foron atendidas pola empresa co que as queixas das persoas usuarias foron en aumento nestas últimas semanas”. Ante esta situación, o Concello decidiu reclamar de forma oficial unha serie de documentos que acrediten o cumprimento do contrato.

O Concello demandará á empresa que de forma urxente mellore a situación e “atenda todas estas deficiencias que lle afectan de forma directa ás persoas usuarias do subterráneo, tanto abonadas como os que os utilizan durante un certo período de tempo”.