O goberno local inclúe no plan complementario da Deputación a mellora de rúas Doutor Fariña e José Miguez nas que se investirán máis de 400.000 euros

193
Rua José Fariña

O goberno local renovará as rúas Doutor Fariña e profesor José Miguez, dentro dun programa de reforma de viais incluído nun plan provincial.

O obxectivo é mellorar as condicións actuais de ambas as rúas e liquidar os problemas de filtracións de auga que hai en locais comerciais e garaxes de edificios. Coa actuación que se pretende levar a cabo nesta zona, dáse continuidade ás actuacións que se realizaron de forma paulatina en distintas rúas do centro urbano coa intención de mellorar os servizos existentes, liquidar os problemas que presentan e mellorar as condicións dos pavimentos, dando homoxeneidade aos acabados, outorgando unha imaxe de continuidade e coherencia progresiva nas distintas zonas do centro urbano, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

O proxecto acaba de ser incluído na relación de actuacións a incluír no Plan complementario da no que se prevén investimentos financeiramente sostibles. As obras supoñerán un desembolso máis de 409.000 euros.

Os traballos recollen a rehabilitación integral da rúa, beirarrúas e calzada, así como substitución dos servizos de saneamento e iluminación. Nas beirarrúas ampliarase lixeiramente a súa anchura e mellorará o seu trazado na medida do posible, proxectando ademais ensanches para os pasos de peóns, actuando en pavimentos, ampliando a rede de abastecemento de auga existente coa finalidade de conectala á rede que discorre pola Avda. Jesús García Naveira e renovando a instalación da iluminación pública.

As beirarrúas realizaranse con bordo de granito e baldosas con acabado totalmente antiescorregadiza. fabricado con áridos de primeira calidade. En relación á calzada, o proxecto recolle un ancho de dez metros con carrís de circulación de tres, e zona de aparcamento de dous en cada sentido.

A maiores, sinalizaranse pasos de peóns e renovaranse as redes de recollida de augas residuais e pluviais que discorren polo centro da calzada.

Proxéctase tamén a substitución de pintados, sinalización e equipamento urbano existente de maneira homoxénea ás actuacións levadas a cabo polo Concello en rúas próximas.

Substituiranse todas as tapas das instalacións existentes que sexa necesario. A pavimentación da calzada realizarase por tramos, realizándose primeiro unha metade da rúa e logo a outra para afectar o menos posible ao paso dos veciños. Repoñerase a sinalización viaria completa, incluíndo as zonas de aparcamento, os pasos de peóns, liñas de vaos, detención… e unha nova sinalización vertical mediante a colocación de sinais reflectores con placa e poste ancorados ao pavimento.

En canto a mobiliario, o Concello instalará papeleiras de aceiro e bolardos nos laterais da beirarrúa anexos aos pasos de peóns co obxectivo de evitar a invasión dos mesmos por parte dos vehículos. No caso dos garaxes ou vaos existentes dispoñeranse bolardos de tipo flexible, con colocación en triángulo para optimizar a entrada/saída de vehículos. Para humanizar a rúa plantarase arboledo en ambas as marxes da rúa, optando debido ás dimensións das beirarrúas e voladizos existentes, a un tipo de arbusto perenne cultivado como pequena árbore de 3,00 m de altura, que se caracteriza por ser unha planta moi resistente, decorativa e con gran poder de adaptación, ten un crecemento vertical, pero adoita manterse en formas redondeadas.

A proposta aprobada prevé tamén a substitución das actuais varandas pintadas en cor verde que hai nas escaleiras situadas no entroncamento da rúa Doutor José Fariña e Profesor José Antonio Míguez por unhas de aceiro inoxidable similares ás existentes no resto da rúa. Con respecto aos servizos procederase á substitución das redes de residuais e pluviais, á ampliación da rede de abastecemento e a substitución da iluminación pública (luminarias e canalizacións).