Barral solicitaralle a Telecomunicacións a ampliación da rede de fibra óptica a máis zonas e que incrementen o ritmo dos traballos de instalación.

97

Completar a rede de fibra óptica no municipio é un dos obxectivos que persegue o goberno local para o presente mandato. Durante os últimos anos mantivéronse diferentes reunións con responsables das empresas instaladoras e Delegación do Goberno en Galicia para impulsar diversas actuacións que permitisen aumentar o servizo a zonas con alta demanda. Froito desas conversas e as peticións realizadas de maneira oficial á  Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital están a desenvolverse actualmente  traballos  na zona de Montellos para continuar logo en Piadela.

No entanto, o goberno local comprobou que, a pesar do esforzo realizado, aínda existen núcleos ou casas onde a rede non chegará a curto prazo polo que a alcaldesa, María Barral, acaba de solicitar unha reunión en Madrid coa secretaria de Estado, María González Veracruz, para ampliar a actuación que se está levando e “aproveitar que se puxeron os medios para a instalación da rede para que, por fin, se poida estender a todas as zonas que o necesitan e non, nunha mesma zona, a escasos metros de distancia, unhas vivendas dispoñan de servizo e outras sigan en sombra, sen dispor de conexión adecuada á rede”, indicou a primeira edil.

A alcaldesa explicou que a Secretaría era coñecedora da situación xa que no seu momento, a exministra e vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, recolleu en primeira persoa os problemas que existían para darlles solución. De feito, ademais de Montellos e Piadela, está prevista a extensión da fibra a Viladesuso e Castro, para cubrir tamén núcleos que ata agora non contaban con ela  e nos que había interese e necesidade por parte de moita veciñanza. Estas zonas súmanse á de O Tarreo, na que tamén se efectuaron traballos.

A alcaldesa confía en que a Secretaría de Estado reaxuste o programa de actuación previsto e non só se amplíe a zonas que nestes momentos “parece que quedan illadas, senón que tamén se incremente o ritmo dos traballos para que o servizo poida chegar canto antes aos lugares previstos polo Ministerio e as compañías operadoras”.

O goberno local explicou que tamén se pedirá un estudo sobre puntos concretos do municipio nos que existe “sombra” canto a cobertura, algúns deles na propia cidade, para que “se revisen e na medida do posible se poida mellorar a cobertura dadas as queixas que tamén recibimos no Concello”.