Betanzos contrata un novo paquete de obras de mellora de viarios municipais en varias parroquias do rural

255

O goberno local aprobou o expediente de contratación de mellora de pavimentación e seguridade de viarios municipais en Viladesuso, Viraventos e Gas. Pavimentaranse e colocarase a nova sinalización horizontal e vertical, con pintado dos bordos da calzada. Previamente aos traballos, realizarase a limpeza de noiros e beiravías.

Os camiños afectados son dous en Viladesuso (zona de Os Martigos, cara ao encoro de Cecebre) e zona da Picheira, no límite con Bergondo; o camiño do Vilar en Viraventos e os dous camiños que parten da Igrexa de Tiobre a Gas. O importe destas actuacións ascende a 111.917 euros. A licitación forma parte das actuacións do programa POS 2021 adicional.

Nestes momentos, segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, están a levarse a cabo os traballos de asfaltado en Viladesuso, Xanrozo, Touriñao e Castro, mediante outro proxecto incluído no POS 2021 por un importe de 185.793 euros

Trátase de camiños moi utilizados que permiten o acceso directo dos núcleos de poboación ás estradas autonómicas e provinciais, e cuxo pavimento está moi deteriorado polo paso de tempo e a circulación rodada que soportan, que, ademais, están sen sinalización horizontal, o que supón unha inseguridade, especialmente para os peóns. Esta rede de camiños de titularidade municipal supón a conexión dos núcleos poboacionais da zona rural coa zona urbana. Xunto con  estes camiños, tamén se executarán en viarios de San Xiaio, Os Tabaques e Illobre, segundo explicou o concelleiro de Obras, Diego Fernández, que anunciou outros dous proxectos que incluirán núcleos en Guiliade, O Farragoto e Requián, Pontellas, San Martiño e Piadela.

Así, o Concello segue desenvolvendo un programa que prevé a mellora de estradas en toda a zona rural a través de diversos plans en convenio coa Deputación provincial, axudas da Xunta e con partidas propias dos orzamentos municipais. Nos últimos meses executáronse obras no Tarreo; Guiliade-A Rúa, e Talai, dentro do mesmo programa municipal de pavimentacións, rozas e reforzo de sinalización e tamén de pavimentación e sinalización horizontal e vertical nas parroquias de Requián e Santo Estevo de Piadela, formando parte das principais vías de acceso e comunicación dos núcleos rurais de Xanrozo, Guiliade e Piadela.