Betanzos destina preto de 300.000 euros para cubrir o parque Pintor Seijo Rubio e construír unha nova zona en Viuxe

269
Xogos infantís do parque Pintor Seijo Rubio.

Betanzos aprobou as obras para incluír no POS 2023 da Deputación no que incorporou o proxecto para cubrir os xogos infantís do parque Pintor Seijo Rubio.

Trátase dunhas obras nas que se investirán máis de 188.000 euros e será o primeiro parque que se cubra na cidade. Inicialmente, o goberno local había presentado outro proxecto para cubrir o parque de xogos do Pasatempo con todo “a declaración BIC e o grao de protección fixo que esta actuación non puidese executarse”.

A primeira edil, María Barral, explicou que sobre esta zona do Pasatempo “pronto haberá grandes novidades, xa que se presentará un proxecto único, singular, vinculado tamén aos nenos e nenas e aos xogos infantís, que, sen dúbida, converterase nun atractivo e un referente máis para Betanzos”.

No caso do proxecto de Pintor Seijo Rubio, o obxectivo non é outro que buscar un mellor aproveitamento da zona, cubrindo os xogos cunha xeometría irregular. Empregarase unha cuberta lixeira que protexa aos nenos das inclemencias meteorolóxicas, con material e cores que axudará na integración da cuberta na contorna. Será unha cuberta de lona, pechará na parte alta con “tramex” de cores que achegará sombra e protexerá da choiva lateral. A estrutura lembrará a dos postos da feira, tan importante e simbólica para Betanzos, segundo explicaron os redactores do proxecto.

Novo parque en Viuxe

No mesmo plan de obras, a alcaldesa anunciou a inclusión dun novo parque infantil en Viuxe, nunha parcela municipal de 350 metros cadrados, cubrindo así una das necesidades expostas polos veciños desta zona. A área dotarase de xogos infantís para nenos de ata 14 anos de idade, cunha torre de xogos, randeeira e balancín, ademais de mobiliario urbano. O orzamento previsto para esta actuación é de algo máis de 90.000 euros.