Betanzos recibe preto de 300 solicitudes á convocatoria de axudas a pequenas empresas e autónomos que se viron afectados na súa actividade pola Covid-19

471

O Concello recibiu un total de 292 solicitudes á convocatoria de axudas municipais a pequenas empresas e autónomos que se viron afectadas na súa actividade diaria pola Covid 19. Agora, unha vez concluído o prazo de presentación, os técnicos municipais revisarán as solicitudes presentadas axústanse ás bases da convocatoria. No caso de que falte documentación reclamarase aos solicitantes para a corrección de erros, antes de iniciar o abono das axudas.

Reactiva Betanzos, como así se denomina o programa, enmárcase na series de accións que o goberno local está a levar a cabo en materia económica dirixida aos colectivos profesionais que se viron e ven afectados pola crise provocada pola Covid-19. a estas axudas sumaranse as que o Concello tamén convocará con fondos da Deputación Provincial e as campañas de promoción do comercio e hostalería que pretende poñer en marcha en setembro. Para cubrir as axudas municipais, o Concello modificou os orzamentos deste ano restando ás partidas de festas, tanto as de agosto como as da feira medieval.

As axudas chegarán ata os 700 euros. Delas poderán beneficiarse as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, así como as microempresas que reúnan os seguintes requisitos: Que teñan o domicilio fiscal da actividade no municipio de Betanzos e radique no mesmo o centro de traballo afectado. Que a actividade que desenvolven viuse afectada polo peche de establecementos polo estado de alarma ou que a actividade desenvolvida polo autónomo sufrise unha redución da súa facturación durante o mes seguinte á declaración do estado de alarma de polo menos o 50%, en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma.

Concederase unha cantidade máxima de 500 euros para os autónomos ou microempresas cando a actividade que desenvolvan viuse afectada polo peche de establecementos e unha de 300 euros a aqueles autónomos ou microempresas que sufriron unha redución da súa facturación.

Estas cantidades 500 euros e 300 euros incrementaranse nun máximo de 100 euros en caso de ter ata 4 traballadores (inclusive, ademais do solicitante) e nun máximo de 200 euros en caso de ter ata 9 traballadores (inclusive, ademais do solicitante) a data 1 de marzo de 2020.